Modesto Fraga presenta “As almas da Fisterranía” en Cee”
Continúa Modesto Fraga coa xira presentación do libro "As almas da fisterranía”. Despois de Fisterra, Carballo e Corcubión, desta volta, toca en Cee, este venres 7, ás 19.30 hs, na Biblioteca Pública Francisco Mayán. Estará acompañado polo historiador Salvador Mosteyrín.
Resumo do libro
Sempre se dixo que os poetas son os mellores custodios da memoria colectiva dos pobos. Desde a época antiga ata os nosos días a historiografía serviu para dar conta de acontecementos memorables compartidos polas xeracións do pasado, do presente e do futuro. É fundamental, xa que logo, evitar que as brumas da desmemoria escurezan para sempre o valioso legado cultural que herdamos e que nos cómpre protexer, coidar e pór en valor. Sabemos da existencia da mítica cidade asolagada de Dugium porque así nolo recorda o Codex Calixtinus, importante manuscrito iluminado do século XII considerado a primeira e máis importante guía do Camiño de Santiago; e sabemos que habitamos as terras do Nérion Akrotériom ou Promontorium Celticum grazas a que xeógrafos clásicos como Plinio, Strabon ou Ptolomeo así o recollen nas súas imperecedoiras crónicas. Velaí este ramillete de pequenas estampas cotiás polas que van asomando historias protagonizadas por homes e mulleres que habitaron e habitan este milenario confín atlántico. Eles e elas son as verdadeiras almas da fisterranía.