“Ningún profesional sanitario pode ir traballar con medo”
Despois das novas agresións sufridas esta pasada semana no Hospital Virxe da Xunqueira e nun Centro de Saúde da Coruña, o colectivo sanitario volveu concentrarse para esixir máis seguridade na sanidade pública.
A Comisión de Centro do Hospital Virxe da Xunqueira, co lema “STOP AGRESIÓNS NA SANIDADE”, condenaba esta mañá de venres 13 de xuño as agresións, considerando que “os feitos son inadmisibles, e constituen unha grave ameaza para a seguridade de quen traballamos día tras día na sanidade pública, para os que entregamos a nosa vocación, esforzo e profesionalidadade ao cuidado da saúde dos pacientes”, explicaban na lectura do manifesto.
Así, instaron á dirección do Centro a tomar as medidas oportunas para que ditos feitos non volvan ocorrer. “Ningún profesional sanitario pode traballar inseguro no seu posto de traballo nin pode vir a traballar con medo”.
Protocolos “insuficiente”
Sobre os procedementos aplicados en maio, trala voráxine de mobilizacións realizadas dende comezo de ano, a Comisión os considera “insuficientes. Primeiro levas o golpe, logo tes que ser capaz de darlle ao “botón deo pánico”, e despois terán que vir os compañeiros que te van axudar ou o garda de seguridade, que hai un para todo o centro…”
Piden reforzar o servizo de seguridade, e por exemplo no centro ceense, ter un garda de seguridade en Urxencias, que é onde comezan boa parte dos conflitos.