Os profesionais do Centro de Saúde da Costa da Morte berran o "Basta xa as agresións"
- “A atención primaria é a porta de entrada da sanidade, e a frustación que poida sentir a veciñanza ante carencias da sanidade pública pagámola o persoal sanitario, e tamén polo persoal administrativo, celadores ou auxiliares”, sinalan no manifesto.

No marco das mobilizacións do colectivo de profesionais sanitarios en defensa dunha maior seguridade, esta mañá de venres 7 de febreiro desenvolvéronse concentracións na meirande parte dos Centros de Saúde da Comarca. Os facultativos de Dumbría, Cee, Cabana, Vimianzo, Ponteceso, Laxe, Zas ou Muxía fixeron unha parada para esixir medidas de seguridade ante a violencia, amosar o seu apoio aos compañeir@s agredidos, tanto en Urxencias do CHUAC, como no Centro de Saúde de Muxía.
Unhas concentracións que continúan as mobilización realizadas no propio CHUAC apoidadas tamén dende o Hospital Virxe da Xunqueira, e que non pararán ata que o Sergas tome medidas concretas para asegurar a seguridade nos centros sanitarios.
Especialmente emotiva foi a concentración do Centro de Saúde de Muxía, onde o persoal amosou unha pancarta en apoio a Gonzalo e Rebeca, o médico e a auxiliar agredidos este pasado luns.

En Vimianzo, Digna Rodríguez leu o manifesto, deixando claro que o colectivo “leva anos aturando agresións verbais de pacientes e familiares que calamos sen protestar”. “Como a atención primaria é a porta de entrada da sanidade, a frustación que poida sentir a veciñanza ante carencias da sanidade pública pagámola o persoal sanitario, e tamén polo persoal administrativo, celadores ou auxiliares”, sinalaba.

Lembra ademais que “non toda a violencia contra a sanidade é física”, e que ás veces é máis doloroso escoitar cousas como que “estades aí só para cobrar” e cousas do estilo, cando “os sanitarios damos moito máis á sanidade do que recibimos, porque adicamos moito máis que a nosa xornada laboral, senón que parte que a nosa vida para que os nosos pacientes estean o mellor atendidos posible”.
Así, Digna leu as esixencias do sector ao SERGAS: “medidas concretas e efectivas que garanticen a seguridade dos profesionais, aplicación efectiva dos protocolos de agresións; apoio psicolóxico e legal para os afectados; e mellores recursos para previr estes incidentes: Basta xa de agresións!"







Máis novas