Un médico do Hospital de Cee volveu sufrir unha agresión dun paciente

De pouco valen os “insuficientes” protocolos instaurados na sanidade pública despois das mobilizacións realizadas polo colectivo sanitario durante estes primeiros meses do ano. Nada puideron facer ante a nova agresión nun centro hospitalario do país, que e viviu o pasado venres no Hospital Virxe da Xunqueira. Un médico de urxencias recibía unha puñada nun ollo dun paciente despois de lanzarlle insultos racistas, coincindo ademais con outra agresión nun Centro de Saúde da Coruña.
Segundo explica María Formoso, da Comisión de Centro, o home estaba na sala de espera de Urxencias xa protestando airadamente, e cando veu a este médico de orixe latino comezou a lanzarlle insultos racistas como “só vides aquí a roubar”. Cando parecía que decidía marcharse, deu a volta e lanzoulle unha puñada no ollo ao facultativo.
De contado, pediron que se avisase a seguridade e á Garda Civil, perante a cal o agredido presentou a súa denuncia, pero non chegaron a tempo para reter ao agresor.
”Que pasa cos protocolos?”
Formoso explica que “os procedemento que se actualizaron en maio, son absolutamente insuficientes, e de feito, a nivel traballadores, non vemos que cambiase nada de nada. Si que puxeron un botón do ordenador por se pasa algo, que manda un aviso a Coruña, e salta nos ordeñadores do Hospital para que os compañeiros que poidan axudar. Pero primeiro tes que chegar ao botón, que non sempre estás na mesa do ordenador, e segundo que seguimos sendo os compañeiros os que temos que acodir a socorrer”, critica.
De feito, a Comisión está preparando unha nova mobilización para este venres para seguir esixindo melloras na seguidade dos centros sanitarios.