O PP de Cee critica que o Goberno Local destine 240.000€ do POS adicional a gasto corrente e pide claridade nos proxectos anunciados

Jesus Picallo nunha visita da Xuntaa o Mercado de Cee

O grupo municipal do Partido Popular de Cee criticou a través do seu voceiro, Jesús Picallo, que o Goberno local aprobe destinar unha partida de 239.999,69 euros, procedente dos fondos que outorga o POS adicional da Deputación da Coruña, a sufragar o gasto corrente do Concello.

“Estamos a falar dunha cifra moi elevada para un Executivo municipal que conta cunha maioría absoluta que lle permite aprobar uns orzamentos nos que debería contemplarse unha partida concreta para este gasto”, explicou Picallo, quen lamentou que ese diñeiro non se poida destinar a proxectos moi necesarios para Cee.

O popular aproveitou tamén a súa intervención no último pleno para reclamar “claridade” e “transparencia” ao Goberno Local á hora de anunciar as actuacións que o Executivo municipal ten previsto levar a cabo. En concreto, Picallo referiuse á reforma da antiga Escola de Música de Cee, para a que hai previsto un investimento de 267.335,54 euros e que debe servir para a reforma da fachada e da cuberta, tal e como figura, explicou Picallo, no acordo.

“O que non se aprobou foi un centro de día como servizo. A día de hoxe non existe proxecto redactado, nin financiamento asegurado, nin modelo de xestión, nin persoal definido, nin garantías de funcionamento”, denunciou Picallo, quen incidiu en que “en ningún momento se ten aprobado un centro de día como servizo” porque, segundo o popular, non existe proxecto redactado para que así sexa.

Neste sentido, conscientes da importancia e do necesario que é dar solución a un problema que leva anos esperando, os populares cree o futuro pasa pola construción dunha residencia de cen prazas e dun centro de día integrado.

Mercado

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo voceiro do PP local Jesús Picallo e a alcaldesa Margarita Lamela, visitaba onte o mercado municipal da localidade, onde puxo de relevo os case 300.000 euros investidos pola Xunta para posibilitar a súa reapertura ao abeiro das axudas dirixidas a impulsar unha rede de Mercados Excelentes en Galicia,

Reunión co equipo directivo de IES Fernando Blanco

Noutra orde de cousas, o voceiro do PP aproveitou para anunciar que  a súa formación se reunión onte co equipo directivo do IES Fernando Blanco, nun encontro que serviu para trasladar que a Consellería de Educación ten constancia dos problemas que afectan o centro.

Proba diso, dixo Picallo, é que a Unidade Técnica xa realizou unha visita ao centro para comprobar o estado das instalacións. “Tense solicitado xa un orzamento -35.270,29 euros- para a rehabilitación da cuberta, co obxectivo de evitar posibles filtracións de auga”, apuntou o popular, quen puntualizou que as obras realizaranse en canto as condicións meteorolóxicas o permitan. 

Así mesmo, o popular informou que os técnicos solicitaron tamén a revisión da instalación eléctrica por unha empresa especializada,  unha actuación que está pendente de recibir o correspondente orzamento. 

“O noso compromiso con Cee e coa súa veciñanza é claro: rigor, transparencia e solucións reais, tanto para os grandes proxectos que necesita o noso municipio, como para cuestións tan importantes como o mantemento e a seguridade dos nosos centros educativos”, concluíu o popular.