Repaso das enmendas sociais do BNG aos orzamentos de varios concellos da zona

O portavoz do BNG no parlamento, Francisco Jorquera, acompañado polos responsables do partido Serxio Domínguez Louro, da Costa da Morte, e Xoan Sande, de Bergantiños, presentou o pasado venres en rolda de prensa, as enmendas que o BNG vai levar, no que ten a ver coas dúas comarcas, ao debate desta semana sobre os orzamentos.

Numerosas enmendas en varios os concellos coas que "o BNG trata de que haiba mais investimento social para loitar contra a pobreza e a exclusión, así como de acadar que a Xunta invirta mais nas dúas comarcas a través de novas e vellas reivindicacións que suporían un impulso económico, mais que necesario, se queremos atallar a emigración a que estamos a ser condenados".

Enmendas en Bergantiños

  • 1. Construción novo dique en Laxe e recuperación da dinámica do litoral. O dique construido a finais dos 80 modificou a dinámica do litoral, o que prexudicou gravemente a praia e o porto, con acumulacións de area que chega en moitas ocasións á vila. O Valedor do Pobo recoñeceu, ante denuncia do BNG, que a lei obriga a que quen causou o dano debe repáralo, e neste caso está claro que a responsabilidade é da Xunta de Galiza que construiu o dique. Polo tanto, ademáis dunha necesidade imperiosa, é una obriga da Xunta de Galiza.
  • 2. Construción dun novo edificio no CEIP Otero Pedrayo da Laracha. O edificio onde se imparten as aulas de infantil está en estado ruinoso, non reúne as condicións de seguridade mínimas. Isto é algo recoñecido por todos e un compromiso incumprido polo Partido Popular desde hai anos, con varias visitas do Conselleiro.
  • 3. Proxecto de circunvalación de Carballo. É unha necesidade reiteradamente solicitada polo BNG, a construcción dunha circunvalación en Carballo (libre de peaxe) que desvíe o tráfico fóra da vila.

Enmendas na Costa da Morte

  • 4. Acceso Porto de Brens. A conexión do porto de Brens, co polígono empresarial, é impresindíbel para o desenrolo das actividades de ambas infraestructuras.
  • 5. Base Loxística anticontaminación Porto de Brens. Consideramos que tanto polo número de buques que precisan aproximarse a estas augas costeiras coma pola proximidade do Corredor Marítimo de Fisterra, sobradamente queda xustificativa a necesidade de dispor de maneira permanente dos dispositivos humanos e materiais necesarios o máis próximo posible.
  • 6. Centro de Expedición de Mariscos de Fisterra-Marca de calidade Longueirón de Fisterra. Reapertura do Centro de Expedición de Mariscos da lonxa de Fisterra, xestionado pola Confraría de Fisterra, e pechado no segundo trimestre de 2013 por non poder facer fronte ao seu mantemento técnico e económico. O peche está a causar un importante prexuízo aos mariscadores locais e minoristas, véndose afectados máis de 60 profesionais, amais de provocar un deterioro na imaxe de produtos frescos de zonas A de marisqueo.
  • 7. Construción Centro de Saúde Fisterra. A súa construción leva unha década de retraso. Comprometido dende o ano 2003, novamente en xullo de 2013 a Consellería de Sanidade comprometeuse a licitar a obra, que xa conta con localización para a súa construción antes de que rematara o ano, pero en setembro de 2013 anunciouse que finalmente non se licitaría.
  • 8. Inicio Escola Infantil de Muxía. A Galescola está en funcionamento grazas a vicepresidencia do goberno bipartito. Sen embargo o local non é o axeitado con deficiencias de seguridade, falla de espazo, etc... O concello asinou un convenio coa vicepresidencia cedendo un local municipal para este uso, mais o novo goberbno do Pp no 2009 non cumpre o convenio que segue sen se cumprir.
  • 9. Plan Director do Monte do Cabo en Fisterra. A finais do ano 2012 presentouse o Plan director do Cabo de Fisterra, coma un documento básico de referencia para ordenar e xestionar o conxunto dos diferentes recursos cos que conta toda a área do Cabo de Fisterra, un dos lugares turísticos por excelencia da Galiza. A redacción de dito plan tivo un custe próximo aos 200.000 euros, no que se contempla un programa de medidas e accións que no seu conxunto estímase nun orzamento de duns 8 MILLÓNS de euros, desglosado en máis de 1.000 actuacións para a súa execución independente e progresiva. Urxe o inicio do desenvolvemento das accións do Plan Director do Cabo, co obxecto de contribuír a manter/lograr a distinción de Patrimonio Europeo con carácter definitivo, do que gozan 30 bens culturais e patrimoniais de Europa. A partir do ano 2014 dita distinción acadara carácter oficial por parte da Unión Europea, polo que se están revisando todos aqueles lugares actualmente distinguidos, a efectos de determinar que cumpren cos novos criterios.
  • 10. Medidas de apoio e fomento das actividades pesqueiras e marisqueiras artesanais no entorno mariño de Fisterra pertencente á rede natura 2000. Tendo en conta os datos publicados en marzo de 2013 polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, no seu informe “Marco de Acción Prioritaria para a Rede Natura 2000 en España”, que recolle a “estimación das necesidades de financiado para a xestión da Rede Natura 2000”, correspondéndolle unha inversión por hectárea terrestre de 88,84 €, e por hectárea mariña de 137,66 €. Tendo en conta que a superficie mariña da Rede Natura 2000 do entorno de Fisterra ocupa 3.505 ha, a cantidade de inversión para a xestión anual resultaría de 482.498.3 euros.
  • 11. Plan Director do Cabo Touriñán en Muxía. Cremos imprescindíbel a inicio da redacción dun plan director co obxecto de contribuír a lograr a distinción de Patrimonio Europeo, da que gozan 30 bens culturais e patrimoniais de Europa, e protexer definitivamente este espazo coas mellores garantías de conservación e promoción. O lograr a distinción do Patrimonio Europeo resultará fundamental para a dinamización económica dependente das potencialidades turísticas do Concello de Muxía, resultaría moi beneficioso para a economía turística de Muxía e da Costa da Morte, un revulsivo para o sector primario e sector de servizos.
  • 12. Remate do Centro de Día de Corcubión. Financiar a última fase deste centro de día, que ate o de agora foi financiado con cartos do concello e da Deputación. Logo do ac aecido nos últimos días co centro de Carnota, pasa por imprescindíbel rematar o de Corcubión para que os maiores da Costa da Morte non teñan que desplazarse ate Muros.
  • 13. Saneamento integral da Ria de Corcubión. A contaminación existente na nosa ría, é o maior impedimento para a diversificación das actividades marisqueiras que noutrora se daban nela. Deste xeito, a posta en funcionamento axeitado, da EDAR existente que recolle as augas fecais dos concellos de Cee e Corcubión, a mais da renovación das canalizacións obsoletas, e a separación das augas pluvais das fecais, pasan por ser a única maneira de pór freo ao estado de semirruina da ría.
  • 14. Contradique porto de Fisterra. Nunha clara mellora das instalacións portuarias cara a seguridade e integridade das embarcacións pesqueiras que operan no Porto de Fisterra. Reivindicación histórica do sector pesqueiro de Fisterra, ao que no ano 2009 Portos de Galiza comprometeuse a executar presentando un anteproxecto que valoraba a obra en 9 millóns de euros. Dito anteproxecto xa contaba con informe favorable de medio ambiente e de patrimonio.

Enmendas Intercomarcais

  • 15. Plan de emprego específico para as comarcas con maiores taxas de desemprego.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG Costa da Morte e Bergantiños.