Xoves. 18.04.2024
El tiempo

O BNG da Costa da Morte tamén loita contra a reforma da administración local

O BNG da Costa da Morte tamén loita contra a reforma da administración local
O BNG da Costa da Morte presentando a campana contra a reforma da administracion local

Poucas veces unha reforma fora tan rexeitada, e o dicimos ao tempo que a comunidade educativa ao completo para en folga contra a LOMCE. Pero conseguir que os alcaldes de todo o estado, da túa mesma cor política se unan na túa contra, é moito dicir.

Así é a nova reforma da administración local dos concellos de menos de 20.000 habitantes (todos os da zona) que prantexa o goberno central. Unha reforma que modificará a relación entre a administración máis cercana á veciñanza, os Concellos, e a propia veciñanza. Unha reforma que retira competencias aos concellos, de xeito que servizos sociais, centros de maiores, escolas infantís, escolas deportivas, parques infantís, equipamentos deportivos como campos de fútbol ou polideportivos, "van ser deste xeito asumidos polas deputacións e privatizados de inmediato para darllos a grandes empresas que serán quen os ofrezan baixo unha única premisa, a sostentibilidade económica", como denuncia o BNG.

Un BNG da Costa da Morte e mais o BNG de Bergantiños ao completo que vén de presentar a súa campaña contra esta reforma, coa presenza do responsable comarcal Serxio Domínguez Louro, os tres alcaldes do BNG na zona, Manolo Muiño de Zas, Manolo Antelo de Vimianzo e Moncho Noceda de Carnota, e coa presenza de Goretti Sanmartín, responsable de política municipal do BNG.

O partido califica a reforma de "ruina para a cidadanía", e trata con esta campaña de sensibilizar á poboación do perigo que corre ante a mesma. Ademais, o BNG considera que Galicia non poder tratada como o resto do estado dada a súa "dispersión poboacional".

Así, sinalan que o alonxamento das administracións "levará consigo que os cidadáns xa non poderán ir a reclamar directamente aos concellos, se non que deberán facelo a cen quilómetros da súa casa, nas oficinas da deputación, ou sinxelamente non poderán nin reclamar".

E lembra precisamente que tamén a "Federación Galega de Municipios e Provincias, ven de declarse en contra desta reforma, unha FEGAMP presidida polo alcalde popular de Ferrol, polo que a postura dos rexidores do PP, de mantela diante do goberno, podería ser determinante para a paralización da reforma, ou como non, o dictado do Consello de Estado, presidido polo señor Romay Beccaría, que fala en termos de Anticonstitucional cando se refire a dita lei".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG.

Comentarios