Domingo. 05.05.2024
El tiempo

Alcaldes e técnicos da Costa da Morte propoñen facer comarca desde o deporte

Alcaldes e técnicos da Costa da Morte propoñen facer comarca desde o deporte
Alcaldes e tecnicos da Costa da Morte proponen facer comarca desde o deporte

Fantástica a iniciativa de varios concellos da zona de vertebrar a Costa da Morte a través do deporte, superando ademais as cores políticas.
A pasada mañá reuníanse no concello de Vimianzo alcaldes e técnicos deportivos de 7 concellos para organizar un programa de actividades deportivas común.

Manuel Antelo recibía en Vimianzo a Manuel Alonso, Alcalde de Camariñas; Zaira Rodríguez, alcaldesa de Cee; José Manuel Traba, alcalde de Fisterra; Manuel Ínsua, concelleiro de deportes de Corcubión e Iván Franco, concelleiro de deportes de Carnota. Non puido acudir á reunión, por motivos de axenda, o alcalde de Muxía, Félix Porto, mais este concello será un dos 7 concellos participantes.
Do mesmo xeito, o técnico municipal de deportes de Vimianzo, Víctor Santos, estivo acompañado na reunión polos seus colegas de Camariñas, Fran Puga; Muxía, Diego Castiñeira; Cee, Manuel Calo; Corcubión, Carlos Pazos; Fisterra, Miguel Olveira; e Carnota, María Lestón.

Programa deportivo común

Os técnicos expuxeron as liñas da programación deportiva co obxectivo de chegar a un acordo entre os sete concellos para levar a cabo unha programación deportiva común, aproveitando as actividades deportivas comúns que cada concello vén facendo de xeito individual.

As actividades que sacaron á palestra para levar a cabo serían un circuíto de carreiras pedestres da Costa da Morte, circuítos de duatlón ou triatlón, rutas BTT, exhibicións de patinaxe ou o programa de andainas que elaboraron cinco concellos na primavera deste ano, sumando máis concellos a este proxecto.

Facendo bisbarra

Os Alcaldes e Concelleiros tomaron nota das propostas e mostráronse interesados a levar adiante ese proxecto sendo este un xeito, por un lado, de “facer comarca”, no amplo sentido da Costa da Morte, de promocionar a Costa da Morte xa que moita xente de toda a xeografía galega participa en actividades como as carreiras pedestres, os duatlóns, trialóns e incluso nas andainas.

Por outro lado, o feito de unir os concellos para este fin, favorecería o abaratamento de custes á hora de organizar as actividades e poñelas en marcha, ao igual que á hora de publicitalas, e atraería tamèn moitos máis participantes ás mesmas facilitando desde os concellos a participación dos usuarios no concello veciño.

Os representantes dos diferentes gobernos municipais presentes na reunión deixaron claro que pode haber unión defendendo un interese común a todos os concellos, como é a promoción do noso territorio e o benestar dos veciños e veciñas da Costa da Morte, unindo esforzos desde os concellos sexan os seus gobernos de calquera color político: nacionalistas en Vimianzo e Carnota, socialistas en Camariñas, Muxía e Corcubión ou populares en Cee e Fisterra.

Fonte

  • Concello de Vimianzo.

Comentarios