O Centro de Día de Corcubión poderá ser unha realidade se a xestiona unha entidade social
Despois dunha serie de visitas aos alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte, a Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión mantivo esta semana unha clarificadora reunión coa Xunta de Galicia. Perfecto Rodríguez Muíños, presidente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, recibiunos en Santiago.
Foi unha reunión cordial e calificada como positiva para os membros da Plataforma Luís Corral, Luisa García Alcolea e Vicente Jesús Bernal, na que Perfecto amosou a predisposición para colaborar economicamente na posta en marcha do Centro de Día, para colaborar no avance nos trámites e mesmo para colaborar coas axudas aos usuarios.
Con todo, deixou claro que o Consorcio non vai asumir a xestión directa nin en Corcubión nin en ningún outro concello do país. O modelo adoptado pola Xunta é que sexa unha entidade social o que asume, a través dunha licitación municipal, a infraestrutura.
”Unha infraestrutura coma esta é tan ou máis necesaria como o é unha escoliña. Nun futuro non moi lonxano, cada concello vai necestar un centro de día”, sinala Bernal.
Os trámites
Perfecto sinalou que non lle constaba ningunha petición real, administrativa, por parte do Concello de Corcubión a pesar de que a loita veciñal leva viva arredor dos 15 anos. Recoñeceu que si que sabía da polémica pola prensa, pero trasladou que ningunha entidade comezou ningún trámite para solicitar a apertura do Edificio do Asilo como Centro de Día.
Indicoulles os pasos a seguir, instando ao Concello a solicitar a autorización sectorial previa de adaptabilidade do edificio do Asilo, reformado en 2014 cos fondos da Deputación. Para isto terá que visitar o edificio un técnico da Consellería para confirmar a adaptabilidade ou a informar das necesidades.
Despois habría que facer un estudio de viabilidade, e de aí o Concello terá que preparar os plegos da licitación para que as entidades sociais que así o queiran se presenten para asumir a xestión do Centro.
22 familias poden estar máis preto deste necesario servizo, unha vez que dende o goberno corcubionés se amosaron dispostos a continuar o procedemento.
Histórico do Centro de Día
- Febreiro 25: A Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión comeza unha campaña para conseguir apoios institucionais.
- Novembro 2024: "Negar os centros de día é unha forma de violencia e de maltrato ás persoas dependentes”.
- Xullo 24: O Concello de Corcubión volve a denunciar a negativa da Xunta a abrir o Centro de Día.
- Outubro 23: O PP rescata a petición de Sempre Corcubión e pide convertir o edificio do Hotel El Hórreo nunha residencia de maiores.
- Novembro 21: Sempre Corcubión volve pedir a creación dunha residencia de maiores pública e comarcal.
- Abril 2021: Propoñen adquirir o Hotel El Hórreo e convertilo nunha Residencia comarcal para maiores
- Decembro 2020: O eterno retraso do Centro de Día de Corcubión volve ao Parlamento.
- Febreiro 2020: “Na Road Trip Protesta a Rianxo aprendimos que un Centro de Día é posible, e significa dignificar aos maiores”.
- Outubro 19: Boca de Sapo presenta 1.000 sinaturas para esixir a apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Xullo 19: Un berro silencioso, e medieval, pola apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Maio 2019: Corcubión enteiro sae á rúa polo Centro de Día.
- Maio 19: A cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de DíaA cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de Día.
- Camariñas, Corcubión e Ponteceso valoran o si da Xunta ao Centro de Día de Malpica.
- Outubro 2018: A Xunta volve negarse a poñer en marcha o Centro de Día de Corcubión.
- Outubro 2018: “Os técnicos de Servizos Sociais da comarca de Fisterra trasladaron á Deputación a necesidade de abrir o Centro de Día de Corcubión”
- Setembro 2017: O BNG critica a postura da Xunta co centro de día de Corcubión.
- Setembro 2017: A Xunta rexeita a abrir o Centro de Día de Corcubión
- Novembro 2015: O BNG de Corcubión pregunta polo esquecido Centro de Día.
- Maio 2014: O Centro de Día de Corcubión ve a luz.
- Xaneiro 2013: O BNG de Corcubión denuncia un novo retraso nas obras do Centro de Día
- 09-03-11: O BNG de Corcubión pide á Deputación financiamento para rematar o Centro de Día.