Corcubión mergúllase na dúbida na exitosa Filosofía para veraneantes
Segue interesando, e moito, a filosofía, en Corcubión. O legado deixado por Javier Turnes (mestre no IES Fernando Blanco e axitador cultural da comarca durante máis dunha década), foi recollido no seu día pola rapazada da Universidade Cromática das Virtudes. Anos despois foron María Bella e Miguel Vázquez Freire os que poñían en marcha Os Encontros de Filosofía para veraneantes, unha iniciativa que recollen, demostrando o relevo xeracional desta ciencia do pensamento, Paula Trillo e Lucía Oca.
As estudantes ceenses preparon un programa completísimo para esta semana, arrincando este luns con éxito estupendo de convocatoria. “Non contabamos con tanta xente”, recoñece Lucía, ao ver como a xente se agolpaba sentada no chan en primeira fila ou ficando de pé nas zonas laterais e traseiras da máxica Capela do Pilar, escenario incomparable para citas coma esta.
”Foi moi gratificante e ademais gustounos ver xente de todas as idades, nin todos moi novos nin todos maiores, coido que había bastante xente do pobo pero tamén algún veraneante”, explica.
O programa, que continúa cada tardiña na Capela ata o venres, arrincaba con elas mesmas, que fixeron de primeiras ponentes, presentadas e moderadas precisamente por un orgulloso de ver como a mocidade recolle o seu relevo, Miguel Vázquez Freire.
Falaran da relación co corpo nestes tempos de desmaterialización, pero o máis destacado foi o diálogo que se abriu ao remate da conversa. Numerosas persoas reflexionaron e pregiuntaron en común e todas saíron con máis dúbidas que respostas. Que diso se trata!
Máis charlas
As xornadas continúa esta semana con charlas todas as tardiñas. Ás 20:00h, o martes estará Amanda Traba; o mércores con Carmen de Santiago; o xoves faladoiro con Alberto Abal, Toño Casais, Mariña Lestón e Ana Oca, e o venres con Verónica Rod.