A mocidade cromática fai escoitar o seu Thaumazein
Volve a mocidade costeira dar conta do seu potencial. Un potencial espallado en diferentes materias, tendo a creación e a reflexión como expoñentes da súa enerxía. Un potencial que nos obriga a pensar aquelo do "canta falta fai que esta xente tome o relevo nos poderes da Costa da Morte".
Falamos do grupo de mozos da comarca de Fisterra que forman a asociación Universidade Cromática das Virtudes, que veñen de presentar o terceiro número da súa revista, Thaumazein. Unha revista que pon á UCV fronte ó espello, achegando un reflexo da actividade da entidade baseada na multiplicidade e o pluralismo de contidos.
A cita tivo lugar o pasado xoves no Bar Marigel de Cee. Unhas 30 persoas atenderon á presentación realizada polo voceiro Sergio Cernadas, na que explicou, ademais dos novos movementos da asociación, a estrutura do novo número da revista. A edición conta con diferentes artigos de corte ensaístico relacionados co pensamento e a filosofía ("Papeis cromáticos"); unha sección fotográfica ("Instantes eternos"); unha de ilustracións e outra na que se realizan descricións de especies animais coma o moucho real "Literatura, cinema, zoé's".
Cernadas explicou tamén que nestes momentos, e en colaboración coa entidade coruñesa Universidade Invisíbel, están a participar na organización do Congreso Nacional de Filosofía Joven, un evento que leva celebrándose durante 48 anos en diversas cidades do Estado español. Nesta ocasión, e por vez primeira, terá lugar na Coruña, no espazo de intervención cultural “normal”. O tema a tratar será o da relación entre a filosofía e os sentidos. E a mocidade corcubionesa encargarase de diseñar unhas octavillas do congreso.
Un desterro con sentido
O propio Cernadas explicaba así o sentir da publicación:
Gustaríanos principiar este pequeno xogo de malabares, coas palabras como protagonistas, tratando de respostar á pregunta do “para quen?” da revista. Neste senso, queremos deixar claro que “Thaumazein” non está dirixida a un público reducido, selecto, nin moito menos experto en determinada materia. Non é unha revista de filosofía (para filósofos), senón máis ben unha colección de pensamentos e reflexións sobre asuntos moi diversos (que máis adiante explicaremos), acompañados de ilustracións e fotografías como as que tedes aquí expostas.
En canto ao “para que?”, a primeira idea que pretendemos poñer sobre a mesa é a do fracaso, na medida en que nos situamos máis do lado dunha aprendizaxe froito deste, que da que é producto do éxito ou culminación de certo fin. Gustaríanos tamén desfacernos dunha das verbas que move este mundo: a rendabilidade. Vivir non consiste na expectativa de acadar certos réditos por isto ou por aqueloutro que facemos. Do mesmo xeito, nós, dende a UCV, non nos movemos en función dos posibles beneficios que poida xerar a nosa actividade (xa sexa esta revista -marabillosa- que presentamos hoxe ou calquera outra).
Queremos reivindicar, dalgún xeito, o desterro. O desterro do éxito e da rendibilidade á que nos referimos, o desterro desta terra, que gostamos en chamar Siberia, e que garda unha relación esencial con ese sentirmos fóra do tempo e da historia, do apuro que ten o mundo por vivir(se).
Foto, ilustración, prosa e música
E para dar conta das diferentes artes desta xuventude, facemos repaso do presentado a pasada noite de xoves santo. Por exemplo, a composición fotográfica "Do percorrer", ou o conto de Julio Cortázar, "Hay que ser realmente idiota para...", que representaron Santiago Caneda coa compaña de Mon Búa na guitarra. Acto seguido, disfrutaron dos pinchos para dar pé ao concerto dos "Little Seaside Trío", formados por Mon Búa, Lichi e Senén Insua. Soou o blues e o swing ata altas horas e sumouse á tocada algún dos alí presentes en clave de repicocha, ou case máis ao conto, jam session.
Mocidade emerxente
Temos que salientar nome por nome, cada un dos que participan na revista. A meirande parte son estudantes nas vilas galegas que volven cada venres á #costadamorteparaíso, e que esperemos que rematen pronto os seus estudos e fiquen na bisbarra, porque a realidade é que xentes coma estas fan moita falta para seguir abrindo ás mentes da zona.
Eles son os Sergio Cernadas, Santiago Caneda, Mon Búa, Senén Insua (pseudónimo: Éforas de Melicea), Carlota González, Ignacio Castro, Javier Turnes, Carlos Areán, Raquel García, Laura Suárez, Xoel Gómez, Sheela na Gig e a deseñadora, Alba Conde.
Máis presentacións
A UCV continúa espallando a súa publicación e o se traballo, e tralo acto celebrado na Costa da Morte o pasado 5 de abril, farán o propio na Coruña. A cita será este sábado á rúa Tren nº 7 (zona Praza de España-Zalaeta).
Novas relacionadas
- A bitácora da semana (CLIX): O blog da Universidade Cromática das Virtudes.
- A bitácora da semana (CXXXVII): Skotopos.
- Xa está na rúa a primeira revista da Universidade Cromática das Virtudes .
- A mocidade sácalle as cores a Corcubión.
- A comisión Cromática salva o Carmen de Corcubión.
Deliberacións cromáticas
- Deliberación primeira: O Croma (I).
- Deliberación segunda: "Universitas".
- Deliberación terceira: "As virtudes".
- Deliberación cuarta : “Thaumazein”.
- Deliberación quinta: O Croma (II).
Máis novas
- A música e a filosofía fundíronse coa paisaxe da Costa da Morte.
- A Costa segue pensando e disfrutando a música.
- Coñecendo a Abe Rábade.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).