O pobo de Corcubión volveu converter o Mercado Corcubión na capital histórica da Costa da Morte

Elisa Gómez fixo de Xoana de Castro no Mercado Medieval de Corcubion 2024-Foto-Jorge Parri

Con algo de resaca, e a voz tomada, as xentes de Corcubión recollen esta mañá de luns os bártulos. Trala marcha dos feirantes, queda gardar para o ano seguinte a cantina, os pendóns, as guirnaldas… Pero un traballo que se fai de boa gana coa satisfacción de volver converter o Mercado Medieval de Corcubión no epicentro das festas históricas da Costa da Morte

Trala edición exprés do ano pasado, a nova comisión tivo algo de marxe para artellar esta 22ª edición, e a resposta da veciñanza non puido ser maior. Lembrando aquelas edicións de comezos da década pasada, o pobo (non só de Corcubión, senón de toda a comarca) foi o gran protagonista tanto pola ambientación das rúas, como pola súa presenza ataviada cos disfraces que todos gardamos no faiado. Un feito que diferencia o medievo corcubionés doutras feiras medievais que percorren o pais.

Mercado Medieval de Corcubion 2024-Foto-Jorge Parri

Foi así unha das edicións con máis afluencia continua da historia do Mercado, como o corrobora o feito de que moitos postos quedaron sen comida. Se os venres adoitaban ser frouxos, o deste ano foi espectacular, tanto para o Desembarco en Quenxe, como polas rúas do casco. O sábado xa estivo cheo dende as 17:00h da tarde, e o domingo, despois da xornada de sol, a partir das 20:00h, Corcubión foi un auténtico fervedoiro para despedir a fin de semana coa Baixada do Pendón, lixeiramente máis en clave local, pero case máis en clave comarcal.
Unha despedida moi especial, coa volta de Acibreira, o grupo de música medieval que provocou tantos momentos máxicos na vila, que volvía 13 anos despois a Corcubión e o facía, por primeira vez, xuntos co Fauno, para o deleite dos máis medievais.
Tamén volveu ás rúas a maxia dunha musiqueira como poucas, e as gaitas e os tambores (entre eles o do alcalde Drok) volveron resoar e facer bailar á parroquia.

Un Desembarco brutal

Desembarco do Mercado Medieval de Corcubión na praia de Quenxe-Foto-Jorge Parri

A implicación veciñal veuse reflexada perfectamente no Desembarco. Máis de 100 persoas participaron na representación histórica que pon o valor engadido a esta festa e que lle dá argumentos para conseguir a calificación de Festa de Interese Turístico galego: a chegada a Corcubión das tropas do Arzebispo Rodrigo de Luna no 1457, que foron repelidas por un comprometido pobo corcubionés.

Baixo a dirección de Yago Coronila, Adriana Balufo, Elisa Lema, Marina Gómez e Marina Mouzo, e a participación de colectivos como Xaldón, A Escola de Teatro de Cee e de Corcubión, Farándula, Universidade Popular… realizouse unha representación fantástica sobre o areal de Quenxe (as mareas impediron que fose na area do centro da vila).

Con algún ineviitable erro técnico, a representación cubriu a alta esixencia das directoras, sendo os dous actores locais do grupo Farándula Velutina os grandes protagonistas da parte veciñal: Efrén Arteaga fará Riobo, e Elisa Lema de Xoana de Castro. En fronte, e empresa Hípica Celta trouxo os soldados a cabalo do cruel Caamaño.

Sorprende ver a tanta adolescencia implicada no proceso creativo, e máis aínda habendo rapazada de Corcubión, pero tamén de Cee, Vimianzo… formando parte do centenar de actores participantes.

”Non teño máis que agradecemento a todo o pobo”, resumía unha satisfeita Marina Gómez. Parece que temos dirección artística, e comisión, para varios anos, sempre que a veciñanza, e a mocidade, se implique algo máis na complicadísima coordinación dunha festa desta índole.

O pobo de Corcubión volveu converter o Mercado Corcubión na capital histórica da Costa da Morte Pobo. Foto: Jorge Parri

NOVAS RELACIONADAS

CRÓNICAS DOS MERCADOS