Cada ano a Asociación de Empresas Galegas adicadas á Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) entrega os seus premios tecnolóxicos. Uns premios que este ano rexistran un éxito histórico de participación nos Premios Eganet 2010 e xa están consolidados como referente no sector TIC en Galicia.
Así, máis de 260 candidaturas de 87 profesionais, asociacións, organizacións empresariais, ONGs, entes públicos e centros de ensino compiten este ano polos galardóns que convoca Eganet desde hai sete anos.
A gala de entrega, que será dirixida por un coñecido da bisbarra, Fran Hermida, será este mércores 22 de decembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia de Santiago de Compostela. Alí estarán, como finalistas, a empresa corcubionesa Galinus e o seu "fillo", o diario dixital da Costa da Morte quepasanacosta.gal.
QPC polo premio de Inclusión Dixital
A empresa Galinus presentou o proxecto QPC ao Premio de Inclusión Dixital, incindindo no feito de que a A Costa da Morte é a segunda zona de Galicia con máis baixa incidencia da internet. Deste xeito, o diario dixital Quepasanacosta serve de dinamizador da rede, achegando contidos de actualidade, de recuperación histórica... a toda a bisbarra.
Con ese sentido naceu QPC aló por agosto de 2007, ocupando o baleiro que había na rede costeira, informando en tempo real da actualidade social, política, cultural e deportiva da bisbarra. Nestos 3 anos, QPC xa ten creado ao seu redor unha verdadeira comunidade, o que permitiu o desenvolvemento de varios proxectos paralelos de interese social, convertendo a QPC en algo máis que un xornal dixital.
A aposta clara polo Xornalismo Cidadán é outra das causas polas que QPC está na final, así coma todos os Servizos QPC que ofrecemos como Axenda Costa da Morte, Salvacadelos, os Horarios de Autobuses, Recunchos da Costa, ou o Boletín da radiONeria.
QPC xa é unha das 4 propostas máis significativas da categoría "Inclusión Dixital" á que se presentaron un total de 64 candidaturas. E deste xeito, só podemos darvos as gracias de novo a todos os que facedes posibles este proxecto, coma fixemos no acto de presentación do Novo QPC.
E hai outra proposta finalista con claro sabro costeiro. Xa un habitual destas galas, a empresa santiaguesa Sixtema, na que traballa o corcubionés Alejandro Lamas, será un dos 4 candidatos ao premio "Software, Multimedia ou Web" co seu Ikimap.