Volven pedir a recuperación do práctico e o porto mixto de Corcubión

Rescatando un barco que foi ás pedras en Corcubión

Os concelleiros do BNG de Corcubión seguen insistindo neste inicio do ano, na necesidade de presionar á Xunta para que se inicien dunha vez as obras do porto mixto no peirao de Corcubión e para recuperar o servizo de practicaxe na ría.

”Este ano 2023 teñen que iniciarse as obras do porto mixto si ou si, e non se pode tolerar máis demoras e escusas por parte do partido popular e de Portos de Galiza para seguir castigando ao pobo de Corcubión”, sinalan dende o grupo local. “Os veciños están fartos de tanta espera, mentres ven como en cada temporal os barcos van ás pedras, por non ter un dique de abrigo e uns pantaláns dignos para amarrar os barcos, tanto de pesca profesional como os de pesca deportiva”, lembran.

O grupo critica ademais o “vacile” da postal de nadal de Portos, titulando “por un 2023 amarrado a bo porto” coa foto da ensenada.

Os edís nacionalista esperan contar coa unanimidade do pleno da Corporación na aprobación desta moción.

Novas relacionadas