A Plataforma apartidista “Portos Si, Mortos Non” acentúa a súa loita polo porto mixto de Corcubión
Os fundadores da Plataforma son un grupo de veciños e profesionais provenientes de diferentes sectores enmarcados na vida social, empresarial, deportiva, turística e marítima da ría de Corcubión. Son propietarios de embarcacións amarradas nos portos de Cee, Corcubión e a dársena de Quenxe, profesionais do sector empresarial da restauración, de viaxes náuticas, da xestión de portos, a recolección submarina, da mariña mercante, do deporte marítimo e a información turística.
O principal obxectivo da Plataforma é “reivindicar ás Administracións responsables, tras máis de 30 anos de espera e de varios proxectos errados, a construción definitiva en Corcubión e con urxencia do porto mixto para pesca de baixura e náutica de recreo”. Por iso van solicitar dispor de forma accesible e transparente da información actualizada da fase en que se atopa este proxecto e así transmitir aos veciños de Corcubión e Cee.
E fan un repaso da situación da necesaria infraestrutura, que en maio de 2021, Portos de Galicia adxudica por 130.000.-€ a redacción do proxecto desta actuación. “Transcorreron 19 meses se aínda dispor dun proxecto construtivo definitivo”.
Lembran que nos Orzamentos de 2023 hai unha partida prevista para “Corcubión: remodelación das instalacións portuarias”, por 7,3 millóns de euros, pero para este ano soamente han provisionado 17.077€.
Ademais de contactar con federacións e entidades, a Plataforma ten realizado reunións cos alcaldes de Cee e Corcubión, que deron o seu apoio e comprometéronse a manter informados aos membros da Plataforma. Ademais, os membros da Plataforma teñen solictada unha reunión coa Consellería do Mar e Portos para o vindeiro mes de xaneiro.
Esta semana instalaron uns rollups informativos en diferentes lugares das localidades de Corcubión e Cee para informar os veciños das vantaxes que supón a construción do porto mixto.