Algunhas sepulturas históricas nas igrexas da zona de Bergantiños
Ata hai unhas décadas, o ser humano estaba moi preocupado polo que sucedería logo da súa morte, procurando asegurar unha mellor vida no máis alá. Na sociedade cristiá, especialmente na época Moderna, cada un dos fieis intentaba acadar esta protección como podía: aparte de ser bo e honrado, dende as altas esferas ata o máis pobre buscábase ser confrade dalgunha irmandade, especialmente daquelas que contaban con máis indulxencias e prerrogativas para aliviar o castigo polos pecados. Próximos xa a formar testamento, os bergantiñáns que nos precederon, con certa fortuna claramente, encomendaban a aplicación dunha boa cantidade de Misas para redimir as súas ánimas das penas do Purgatorio, poñendo como intercesores aos santos e devocións particulares da zona, como o Cristo de Fisterra, a Virxe da Escravitude, a Virxe da Barca, ou outras do seu ámbito parroquial. Aparte disto, algúns fieis sufragaron con parte da súa fortuna obras de caridade ou outras de maior peso para redimirse mellor: por exemplo, o párroco de Sofán, don Pedro Pillado (falecido en 1832 e natural da diocese de Mondoñedo) deixou mediante testamento unha boa esmola para o retablo da Virxe de Vilaselán, en Ribadeo, e para o seu beneficio curado, Sofán, fundou cos seus bens a institución e mantemento do Desencravo de Venres Santo, como se acostuma facer aínda actualmente.
Outro dos puntos interesantes neste tema é o das sepulturas: o pavimento das nosas igrexas era antigamente un espazo funerario; hai que imaxinalas con lousas numeradas onde se procedía ao enterramento dependendo da cantidade que cada un establecese para pagar. Diante, preto do presbiterio, enterrábanse os que tiñan máis posibilidades económicas e, conforme se retrocedese cara á porta, situábanse nos derradeiros postos os máis pobres. Ante o altar maior da igrexa de Lemaio atopamos unha lauda onde comparte espazo o texto, hoxe ilexible, coa heráldica, tamén moi desgastada. Cun escudo aparece tamén unha das sepulturas nobiliarias da igrexa de Riobóo, que reza “Es de Lorenzo Bermúdez de Castro, señor de la casa jurisdicción da Penela, y de María de Leis, su mujer, 1674”.
No municipio de Coristanco, na vella igrexa de San Xusto, atopamos na capela maior unha lauda mutilada e en parte totalmente desfeita, cun texto borrado que, analizando as poucas letras que conserva, semella bastante antiga, anterior ao século XVII. Só se pode distinguir na orla parte dunha palabra que di “ARCHIZ”. Na porta desta igrexa consérvase unha máis recente: é a sepultura do crego coadxutor de Castro, cando esta parroquia era anexo xunto con Coristanco, don Manuel Eirín Rivas, falecido o 13 de novembro de 1918 aos 55 anos. Foi nomeado para axudar nestas parroquias o 17 de marzo de 1903. Diante da igrexa de San Paio de Coristanco atopamos a lápida do promotor do actual templo: don Manuel Pose Pérez. Este sacerdote naceu na aldea de Fornelos o 3 de xuño de 1853; foi ordenado presbítero en 1877 e, nesta mesma data, foi nomeado párroco de Castro, Coristanco e San Xusto, onde permaneceu deica a súa morte, acontecida o 20 de febreiro de 1941. No labirinto de buxo do antigo cemiterio, atopamos oculta a sepultura de don Ramón Silva Enríquez, nacido en Coristanco e ordenado sacerdote en 1893; doutor en Teoloxía, foi párroco de San Xosé de Ares. Faleceu o 26 de xaneiro de 1908. Outra lauda sepulcral fermosa é a do párroco don Francisco Rodríguez Cotelo, diante da porta da igrexa de Valenza, onde faleceu o 1 de abril de 1887 aos 64 anos de idade. Este presbítero era licenciado en Medicina, e foi padriño de pía de don Francisco Pérez Rodríguez, que foi capelán da fundación do Santo Anxo de Erbecedo.
Sen embargo, as dúas laudas sepulcrais máis interesantes do municipio de Coristanco son as que se atopan embutidas nos muros da igrexa de Traba, que en orixe estarían, como é normal, asentadas no pavimento. A primeira delas está no presbiterio, mide 172 cm x 67 cm, e contén a seguinte inscrición: “Es de María Sánchez de Ulloa Moscoso de Puga y herederos, la dotó su hijo, doctor Sánchez, comisario de Inquisición. Año de 1679”. O seu fillo, o doutor Sánchez, era Gonzalo Sánchez de Puga e Ulloa; foi reitor de Santa María de Traba dende xuño de 1605 ata o 26 de xaneiro de 1637, sucedendo a don Alonso de Mondoñedo, que ocupou a cura de almas dende 1583 ata 1603. A Sánchez Ulloa sucedeuno Domingo de Amenedo e Canabal, párroco de Traba dende xaneiro de 1645 ao 9 de xaneiro de 1683. Todos estes clérigos foron arciprestes de Bergantiños e, por este motivo, a confraría do Clero tiña aquí a súa festa sacramental. Consérvase no arquivo un documento de 1702 que di desta sepultura: “Gonzalo Sánchez de Ulloa cura y rector que fue de esta dicha iglesia y anexo por el testamento con cuya disposición murió, ha dotado una sepultura en la capilla mayor de dicha iglesia junto al altar mayor de ella, junto a la sacristía, que está a la parte del evangelio, en cuya sepultura hizo pintar su escudo de armas y puesto rótulo de ellas y que por ella se pagase en cada un año cuatro ferrados de trigo de renta”.
Na igrexa de Traba, a capela da nosa dereita estivo dedicada en orixe a san Pedro mártir, un santo dominico que se atopa a súa efixie no segundo corpo do retablo da capela contraria. Nela existía unha fundación piadosa que tiña a este santo por patrón. Nun dos muros volvemos a atopar outra sepultura histórica: mide 2 m x 76 cm e di a súa orla: “Del capitán Alonso Rse de Leis y María Sánchez, su mujer, y herederos. Fallecieron año de 1630 y 1633”. Segundo apunta Domínguez Rial, o capitán Alonso Rodríguez de Leis, casado con María Sánchez de Vaamonde, fundara un vínculo sobre os bens do pazo de Trabuxáns.
Máis artigos de Luís Bermúdez
- Don Nicolás Varela Díaz: un fillo ilustre da comarca de Bergantiños
- A devoción a san Antonio de Padua na parroquia de Agualada
- A Virxe da Saleta de Silván: avogosa e protectora das patacas de Coristanco
- A capela das Salgueiras, en Coristanco: de ermida particular a templo veciñal
- A devoción a san Roque na comarca de Bergantiños