A devoción a san Roque na comarca de Bergantiños

Unha das devocións máis populares no rural galego, xunto coa de santo Antón de Padua, é a de san Roque de Montpellier, un santo francés de finais do século XIV que, peregrinando cara Roma, detívose para curar e remediar a todos os afectados pola peste, que logo chegaría a contraer. Despois de retirarse a un lugar solitario, onde un can lle levaba cada día un pan para alimentarse, morreu encarcerado na súa propia cidade natal, onde foi considerado como un espía. Ao estar directamente relacionado coas enfermidades contaxiosas, foi tomado como protector de aquelas doenzas que se transmitían tanto en persoas como en animais e, deste xeito, moitas parroquias adquiriron a súa imaxe e mandaron fundar confrarías na súa honra para acadar a súa intercesión. Existen imaxes deste Santo en Agualada, Cuns, Coristanco, Traba, Valenza, Cereo, Seavia, Oca, Rus, Entrecruces, Ardaña, Sofán, Verdillo, Carballo, Sísamo, Goiáns, Aldemunde, Artes, Bértoa, Cances, Lema, Oza, Razo, Noicela...
Na vila de Caión, como noutras moitas parroquias precitadas, chegou a contar cunha capela e unha irmandade; un dos volumes do arquivo da parroquia da conta do motivo que fixo que se experimentara un auxe na devoción a este Santo: “En el año de 1570 para librarse del contagio de peste general se hizo ermita a san Roque y se le instituyó cofradía y fue libre esta feligresía del contagio y lo mismo de otra peste que hubo el año de 1590. Hasta el año de 1588 fueron haciendo fiesta los devotos que agradecidos a la intercesión de san Roque por no haberse muerto en las pestes referidas”. O 19 de xuño de 1695 ideouse a reconstrución da capela que existe en Traba, en Coristanco, xa que a anterior era moi reducida; o párroco, don Pedro Pérez de Amenedo, contratou esta obra aos canteiros Pedro Álvarez Alvarado e Luis Vasalo, veciños de Oca e Traba respectivamente, pola devoción e protección que obtiveran os fregueses e confrades da man deste Santo milagreiro.
Sen embargo, aínda a finais do século XVIII, a figura de san Roque continuaba sendo invocada ante as crises epidémicas que se sucedían na comarca, gozando aínda da estima do pobo. O 8 de outubro de 1775 reuníronse os veciños de Santa Mariña de Anxeriz “congregados en consejo y cabildo según lo tienen de costumbre para tratar y contratarles cosas tocantes y pertenecientes al bien público y común de esta su parroquia”, acordando erixir e dar unhas constitucións para a irmandade de san Roque, cuxa imaxe “se venera en su capilla colateral del lado de la epístola de esta iglesia parroquial”. O motivo era que ultimamente e “en diversas ocasiones esta parroquia ha padecido el contagio de peste en los ganados y enfermedades contagiosas en las personas y convenido esto mismo por los otorgantes y más vecinos de dicha parroquia y otros diferentes devotos del glorioso santo de otras feligresías confinantes a esta, trataron de erigir una cofradía”. A confraría fora pensada coa tipoloxía de “comida”, é dicir, coincidindo coa festa do Santo, que era cada dezaseis de agosto, os asociados recibían unha ración e bebida, que sería consumida no campo circundante á igrexa. En Valenza, a confraría de san Roque chegou a contar cun campo propio, correspondente ao solar que ocupa hoxe o cruceiro. En Anxeriz, despois de facerlle a función ao Santo peregrino, “experimentaron todos sus devotos por medio del glorioso santo alivio en sus aflictos, enfermedades y sanidad de sus ganados, y levantando de ello todo contagio (…) y que a lo adelante interceda el glorioso santo como abogado de toda peste y contagio con Dios Nuestro Señor les libre de todo él así en sus cuerpos y almas como en sus bienes siendo del gusto y agrado de Dios Nuestro Señor y en todos se cumpla su voluntad en la que todos nos conformamos”.
- Luis Ángel Bermúdez Fernández