A capela das Salgueiras, en Coristanco: de ermida particular a templo veciñal

Seavia é unha parroquia que estivo moi unida no pasado á Orde Beneditina xa que, nun primeiro momento, os monxes de san Bieito mantiñan un pequeno mosteiro pegado á igrexa parroquial, que nin destacaba pola súa espiritualidade nin polo seu poder territorial. Coa supresión destes pequenos centros e a conversión en priorados, as súas propiedades pasaron a engrosar a facenda das monxas beneditinas de San Paio de Antealtares, que se instalaron en 1499 e cuxa presenza segue viva entre os muros deste mosteiro centenario de Compostela. No seu arquivo consérvanse distintos apeos e escrituras relativas á parroquia de Seavia. Un apeo do Coto da Abelenda, que indica os límites deste territorio, datado no 25 de outubro de 1554, fálanos de varios topónimos da parte alta da freguesía de Seavia: “Dicho coto de Abelenda d’ Alcaan se parte e debide del dho coto de Jallas de otras jurisdiçiones por los límites e términos siguientes: por el marco da Gañedoira e ao canal de Montemaior da Fonte Barreña e a Pedra de Juan Finz, que está sobre a Fonte Barreña, a Salgueira da Fieira, de Lamabroeira, y de allí a Pedra de Sueiro que está ençima donde van a Enxeriz y de allí ao Porto do Souto e nas mestas do río y de allí por Auguasupee y de allí sale fora da Devesa ao Porto do Canal y de allí a Pedra Aguieira de Vilela, y de allí a Puerto do Sal, do Porto dos Bueis, e de allí al Outeiro desta feligresía, de allí por Lama Rubia, e ¿? vense a corredoira de Mira y de allí vense otra vez por o marco da Gañedoira”. Próxima a estas demarcacións atopamos a capela da Virxe do Rosario das Salgueiras.
A ermida das Salgueiras, dedicada nun principio a santo Antón de Padua, non chama poderosamente a atención na súa arquitectura, xa que foi renovada en tempos do párroco don Ramiro Rodríguez Carballo, que en 1950 adquiriu a súa titularidade. A capela está composta dunha planta rectangular, cunha sacristía na súa parte posterior; sobre a fachada, un pequeno campanario de cemento armado intenta imitar as torres das igrexas dos séculos XVIII e XIX, que se inspiraron -á súa vez- na torre do reloxo da Catedral de Santiago. A capela presenta varios erros no seu alzado: en primeiro lugar, no seu exterior a teitume amósase excesivamente aguda; isto débese a que, como non foron alzadas suficientemente as paredes laterais, as bóvedas obrigaron a colocar a viga central moi elevada respecto ás súas compañeiras. Do mesmo xeito, ante a falta dun arranque sólido e duns arcos de faixa máis capaces, apareceron co tempo unha serie de gretas na cubrición. O campanario non garda proporción coa fachada; normalmente, a base das torres tiñan que superar, polo menos, uns trinta ou corenta centímetros das pezas que constitúen os marcos da porta principal, dotando ao conxunto da harmonía necesaria.
A historia da capela remóntase ao ano 1685, como indican os folios conclusivos do libro de fábrica de Seavia, data na que don Antonio Rodríguez Villanueva, que foi arcipreste de Bergantiños e párroco de Santa Baia de Castro dende antes de 1663 a 1703, “hizo, dotó y fabricó una capilla advocación de san Antonio de Padua, en el lugar de As Salgueiras”. A capela foi pasando de xeración en xeración ata que no século pasado foi adquirida pola Igrexa Católica. Nunha carta do 1 de marzo de 1920, don Manuel Tarrío Freire daba conta de que a ermida fora fundada na data antes sinalada, e que no ano que redactaba a misiva estaba en mans de Dolores Varela Ferradas, viúva de Jacobo de Leis, a quen se lle demostrou a obriga de restaurar o conxunto baixo a ameaza de clausurar os cultos durante unha tempada. Xa en 1791, despois de cumprir un século de historia, este pequeno templo estaba nun estado lamentable, e grazas as correccións dos arciprestes, cara 1817 “andaba reparando al tiempo de la visita […] tiene suficientes y todo lo necesario para la celebración del Santo Sacrificio de la Misa”. Debido a que a parroquia de Seavia era demasiado extensa na súa xeografía, e que a igrexa estaba nun extremo do mapa, no século XIX valorouse converter esta capela en “axuda de parroquia”, é dicir, que nela poderíanse administrar os sacramentos e ter permanentemente a presencia eucarística no tabernáculo, como así sucedeu na práctica.
En canto ao seu patrimonio moble, a capela está presidida por un único retablo, moi sinxelo, que imita un templo clásico de tipo dístilo: dúas únicas columnas sosteñen o entaboamento e un frontón terminado nun trino; sobre este, para recubrir o muro do testeiro, dispúxose unha imaxe dun Crucifixo. O retablo é idéntico ao da capela de santa Ana da Rabadeira polo que, dada a proximidade xeográfica, seguramente foron adquiridos nos mesmos anos. Dentro do retablo atopamos tres imaxes: a Virxe do Rosario, actual patroa da ermida, que poderíamos datar entre finais do século XVIII e principios do XIX; unha imaxe de san Xosé e santo Antón de Padua, do século XX e que son claramente do mesmo autor, e nunha credencia lateral amósasenos unha imaxe de escaso valor da Virxe do Rosario, empregada para sacar nas procesións. Existen outras dúas imaxes de san Xosé e santo Antón, hoxe retiradas do culto e de gran valor: a primeira poderiámola situar a finais do século XVII, contemporánea á fundación do recinto; en canto á segunda talla, esta é atribuíble ao escultor noiés, afincado a mediados do século XVIII na veciña parroquia de Entrecruces, Antonio de Meis Gómez e Bazarra. Esta imaxe garda moitas semellanzas con outras que representan ao mesmo Santo, que se atopan na igrexa de Ardaña e na capela do pazo de Loroxo. Finalmente, da pouca ourivaría que conserva esta capela, subliñamos un cáliz de prata, que dada a súa tipoloxía poderiámolo levar aos primeiros anos da fundación deste pequeno templo.