domingo. 04.05.2025
El tiempo

A Virxe da Saleta de Silván: avogosa e protectora das patacas de Coristanco

 Virxe da Saleta na terra da pataca de Coristanco
A Virxe da Saleta de Silván: avogosa e protectora das patacas de Coristanco

O sábado 19 de setembro de 1846, véspera da festa da Virxe das Dores, que naquel tempo se celebraba na liturxia da Igrexa o terceiro domingo do dito mes, dous nenos veciños da aldea de La Salette, nos Alpes franceses, que se chamaban Melania Mathieu (de quince anos menos tres meses) e Maximino Guiraud (de once), dispuxeron todo o necesario para levar a pacer ao monte o gando de Bautista Pra e Pedro Selma, a un terreo chan chamado Sous-les-Buisses. Pese á súa corta idade, ambos rapaces traballaban de pastores, buscando aliviar a súa difícil situación vital. Partindo aquel día cara a montaña, e descansando á beira dunha fonte seca no seu destino, quedaron durmidos a corta distancia un do outro. Melania recordou a primeira e, non vendo as vacas por ningunha parte, avisou a Maximino: foron correndo, cruzando un regato chamado Sezia, e cando por fin localizaron o gando repousando na faldra do monte Gargas, regresaron a buscar as súas pertenzas. A súa sorpresa foi que, ao chegar á fonte seca, viron unha claridade cegadora que acollía a unha fermosa señora, sentada sobre as pedras do manancial nunha actitude moi triste. Aínda que aquela visión lles causaba temor, a señora convidounos a achegarse a ela; incluso Maximino, co temperamento que o caracterizaba, levou o pau co que guiaba ao gando, para usalo en caso de defensa propia. Ambos pastores interpretaron que o que vían naquel momento era á Virxe María, xa que ela -en actitude de profunda tristeza- pediu que rezaran, que acudisen á igrexa e que santificasen os días santos. Xuntamente con estas revelacións, puideron percibir que a perda das colleitas de patacas experimentadas na rexión no ano anterior fora un castigo divino, e que os campesiños en lugar de remediar a situación, proferían blasfemias e insultos. Se o pobo se arrepentía e melloraba, non acontecerían máis desgrazas pero, se polo contrario non había un cambio de actitude, no próximo ano non habería máis trigo, os froitos podrecerían e as vides padecerían unha peste (a filoxera).

Unha vez que esta aparición é aprobada pola Igrexa, a devoción á Virxe da Saleta difundiuse por toda Europa, sendo o santuario de Siador o primeiro centro saletino de España, no ano 1863. Non tardaría en chegar esta devoción á parroquia coristanquesa do Divino Salvador de Erbecedo onde, aproveitando a antiga capela do santo Anxo, instalouse alí un grupo escultórico de certo tamaño, composto pola efixie da Virxe e as imaxes de Melania e Maximino. Intentando recrear a aparición dos Alpes, tiráronse varias fotografías usando de fondo a ermida e uns bois que pacían no entorno, como se a visión se trasladara directamente á terra bergantiñá; esta imaxe é a que ilustra o artigo. 

Grazas ás prédicas e á novena publicada polo fervor devoto de Florencio Sanz, que tanto éxito tivo entre os fieis, a devoción á Saleta gañou aos fregueses de Silván e das parroquias circundantes e, sobre todo, apreciando as profecías sobre as colleitas de patacas e trigo anunciadas naquela visión de 1846, os labregos coristanqueses tomaron por patroa a esta advocación mariana. Deste xeito, coincidindo coa súa festa, que flutúa cada ano ao cadrar co luns seguinte ao domingo de Pentecoste, aínda é común ver aos pés da imaxe caixas de tubérculos e espigas de millo, impetrando a súa protección para as colleitas que se esperan recoller no presente ano. Ademais, coincidindo coa súa romaría, eran moitos os devotos que acudían a Silván despois de oír unha Misa, ou viceversa, na capela do Espírito Santo de Rial de Dubra, onde viñan co seu ramallo de buxo bendicido e pasado pola imaxe da Santísima Trindade que alí se venera, e que logo colocarían nos hórreos, palleiras e cortes, buscando protexer máis se cabe as súas tarefas agrícolas. 

Máis artigos de Luís Bermúdez

Comentarios