sábado. 10.05.2025
El tiempo

A devoción a san Antonio de Padua na parroquia de Agualada

san Antonio de Padua na parroquia de Agualada
A devoción a san Antonio de Padua na parroquia de Agualada

Dicía o papa León XIII que san Antonio era “o santo de todo o mundo”, xa que a súa devoción é universal e conta co afecto e a estima de millóns de fieis católicos. A comarca de Bergantiños segue esta mesma liña, e non hai capela ou igrexa por pobre que sexa, salvo casos excepcionais, que non conte cunha representación súa. San Antonio de Padua, nin era de nome orixinal Antonio nin era natural de Padua: naceu en Lisboa cara 1195, e foi bautizado co nome de Fernando; ingresou moi novo na Orde de san Agostiño, para despois entrar na Orde Franciscana. Desenvolveu a súa labor misioneira por Italia, predicando en distintas cidades e poboacións; faleceu en Padua en 1231, sendo canonizado en menos dun ano despois da súa morte. A súa devoción en Galicia introduciuse no século XV, e tomou especial forza coa fusión dos territorios portugueses á Coroa española no ano 1580. Xa no século XVI aparece representado como un mozo imberbe, tonsurado, co Neno Xesús no colo (por unha visión que tivo) sobre as Sagradas Escrituras, e co lirio que representa a pureza que sempre conservou. A súa vestimenta pode ser gris ou marrón: a primeira cor era a do hábito franciscano primitivo e, a outra, do hábito actual que portan ata o día de hoxe estes frades. Dependendo dos séculos, e da influencia de cada escultor, temos distintos xeitos de ver a súa iconografía, como o san Antonio creado por Mateo de Prado, Gambino, o modelo italiano traído polos franciscanos para o seu convento de Santiago, o da capela da Azabachería da Catedral... 

Un dos santuarios máis populares na zona de Bergantiños onde se celebra a san Antonio é na freguesía de San Lourenzo de Agualada, en Coristanco, onde cada trece de xuño acoden miles de devotos co fin de veneralo no día da súa memoria litúrxica, así como cada primeiro domingo de mes coincidindo co día de feira ou na novena previa á festa. A súa romaría creceu considerablemente logo de que a principios do século XX se mudase a igrexa para o campo do mercado, onde está actualmente, xunto á desaparecida ermida de san Mateo. Sen embargo, xa no antigo templo, que se situaba onda o cemiterio, tiña gran devoción o santo franciscano: no século XVIII contaba cunha numerosa confraría, das chamadas de “comida”, onde cada trece de xuño os asociados tiñan dereito a un xantar abundante. No ano 1746, por exemplo, preparáronse para este banquete de fraternidade tres bois e un carneiro, regados con seis cañados de viño; pagáronselle once reais a un gaiteiro por amenizar o baile, e outro tanto para o encargado de preparar a comida. Como a confraría tiña tantos caudais e, polo contrario, as arcas parroquiais carecían deles, a irmandade sufragou a feitura da sacristía, elevada en 1749 polo canteiro Antonio de Arosa; a construción e pintura do retablo de san Antonio en 1771 e de Nosa Señora en 1772, que vemos hoxe nos laterais do actual templo; a imaxe de san Lourenzo en 1777, etc. Coa prohibición das confrarías de comida, o remedio que se lle buscou foi, como aínda se conserva, o chamado pan da pitanza, onde os romeiros entregaban unha cantidade de trigo, que era a cota anual a satisfacer para o culto do Santo, e recibían a cambio un bolo de pan bendito, co que poder invocar a protección de san Antonio sobre as persoas e os animais que o gustasen. 

A imaxe de san Antonio de Agualada, xunto cos dous retablos laterais da igrexa e a imaxe de san Lourenzo, foi atribuída por un servidor ao tallista Antonio de Meis, escultor noiés afincado en Entrecruces no século XVIII, que tantas obras ten espalladas polas freguesías de Bergantiños. Neste caso, a imaxe de Agualada garda semellanzas con outras da zona, como o san Antonio de Xaviña, de Riobóo ou o de Lemaio: o Santo aparece en movemento, cun pé máis adiantado, recolléndose os pregues do hábito na parte posterior. No regazo dereito acolle ao Neno Xesús, que se retorce para volverse á súa esquerda, dirección á que tamén mira san Antonio. Este aparece retratado como un home mozo, coa faciana redonda, con certa papada e co queixo moi remarcado. O escultor tratou con moito detalle a feitura das orellas e, sobre todo, os bucles da tonsura, colocando no centro dous guechos de maior tamaño que se enroscan como dúas volutas de forma simétrica. A actual policromía foi realizada polo pintor compostelán Antonio Rivas Varela, a finais do século pasado. 

Máis artigos de Luís Bermúdez

Comentarios