O Antroido do Burro de Valenza de Bergantiños, unha das citas entográficas máis singulares do entroido costeiro

Imaxe do Antroido do Burro de Valenza de Bergantiños do ano pasado

Os Madamitos e Ghuadineros de Cerqueda, as Comarsas de Fisterra, os Enterros do Faustino, do Percebe, do Caietano, do Facundo… Son algunhas das propostas do entroido máis etnográficas da Costa da Morte. Xunto co Antroido do Burro de Valenza de Bergantiños, recuperado o ano pasado despois de 50 anos esquecido e que ten pinta de convertirse en toda unha referencia de recuperación tradicional a nivel galego.

Unha recuperación que parte ademais da propia veciñanza, consolidando moito máis que unha celebración, senón unha festa de identidade local, coa veciñanza devolvendo ás rúas os personaxes e o espírito do Antroido tradicional, reforzando unha proposta cultural baseada na participación interxeracional, a dinamización das nosas aldeas e a recuperación e valorización do noso patrimonio inmaterial.

Así define a organizadora Asociación Lourido a cita deste sábado 14 de febreiro. Co patrocinio municipal, e a colaboración da Escola do Alpendre e da AX Xiradela, prepara unha tarde completa na carpa instalada na Praza de Castrobó. A partir das 17:00h, ademais da cantina, e de chocolate, filloas, orellas, roscas…

Peza central: Feirado e Romance do Burro

O principal eixo do evento será o Feirado e Romance do Burro, que se rescata como peza central do antroido tradicional de Valenza, arredor do cal se articula o desfile, a música e a participación dos personaxes tradicionais.

Pero antes, arrinca o desfile de Antroido a partir das 17:00 h dende a Praza, acompañado polos gaiteiros das asociacións participantes e polos veciños e personaxes tradicionais do antroido de Valenza: o burro, Xan de Valenza, a vella, os peliqueiros, os vellos varreduiros e as madamas e ghaláns.

Gastronomía, tradicións vivas, música e patrimonio local

Haberá unha mostra da elaboración de filloas na pedra, con chocolate, orellas e roscas preparadas polos maiores da parroquia, nun espazo pensado para poñer en valor os saberes tradicionais e o ambiente comunitario do Antroido.

Ademais, en clave musiqueira, os socios da asociación interpretarán a Muiñeira Adobecida, muiñeira corrida recuperada recentemente en Valenza pola Asociación Lourido, como parte do traballo de investigación, transmisión e dinamización do patrimonio inmaterial de Bergantiños.

Outras citas do entroido