sábado. 15.03.2025
El tiempo

Valenza de Bergantiños volveu vivir o Antroido do Burro

Antroido do Burro de Valenza de Bergantinos 2025
Valenza de Bergantiños volveu vivir o Antroido do Burro

Histórica data a deste sábado de Entroido na parroquia de Valenza de Bergantiños. A Asociación Lourido de Valenza e a Comisión de Festas de Valenza conseguir rescatar o Antroido do Burro, unha celebración ancestral que levaba 50 anos gardada na memoria da veciñanza. Despois dun completo traballo de recuperación polas casas e de preparación, o Burro volveu saír polas rúas da parroquia escoltada por unha fermosa comitiva de madamas e ghaláns, de Vellos ou Varreduiros, e de peliqueiros, para a delicia de toda a veciñanza.

A xente respondeu de marabilla (non só de Valenza, senón tamén doutras parroquias como Cereo, Verdes, Recesinde ou Lestón, que xa levan uníndose tempo ao traballo da asociación), o tempo acompañou e o burro luciu como antano, escoltado polo son das gaitas da vila e a experiencia do baile da Escola do Alprende, que ademais de darlle cor ao Entroido do Marineda coas súas corridas, achegouse a botar unha man e darlle seguridade e poderío á recuperación da xente de Valenza.

A entidade preparou tamén unhas réplicas tipo xoguete para as crianzas, máis parecidas ao burro tradicional, realizadas cunha cabeza de madeira e un pau facendo case que de vasoira de bruxa.

Nenos de Valenza coas repiclas do Burro do Entroido
Nenos de Valenza coas repiclas do Burro do Entroido

A representación, que recolle unha tradición ancestral, semellante a unha de Santa Comba, “o burro morre e volve nacer”, como nos explica un dos promotores da entidade Xaquín de Feles. “O dono do burro, o que fai é feirar o burro, e fan unha especie de teatro, no que a xente non o quere mercar porque está moi fraco; e van aparecendo os persoeiros”: unha vella e os peliqueiros (que van cunha pelica de coello na cabeza) e os Vellos ou Varreduiros con Ghadaña. Tamén aparecen outros clásicos dos entroidos bergantiñáns como as madamas e ghaláns, de branco e con cinchas de cores que no caso de Valenza tapan tamén a cara.

Restacando a tradición e coidando o territorio

Se ben a principal teima da Asociación Lourido é o mantemento da cultura tradicional e de dinamizar de xeito interxeracional as zonas rurais aproveitando a música tradicional, a entidade ten un presente moi ligado á loita medioambiental.

De feito, arrincou hai 11 anos no marco da loita contra a Mina de Corcoesto, da man de Petón do Lobo. Estivo un tempo algo parada pero xa o Nadal pasado foron recuperando a actividade, e recolleron os “matíns”, as cancións de nadal, polos cabanotes das aldeas. Agora, ademais de encher de música cada sábado o Local Social, están de novo inmersos nunha nova lea ambiental, loitando contra a Liña de Alta Tensión dun parque eólico paralizado que de non ser paralizada, instalará postes de altura como edificios de 12 pisos ao carón das súas casas. Unha loita na que están unidas a asociacións e entidades de ata 7 concellos.

”Hai que fixalo”

Antroido do Burro de Valenza de Bergantinos 2025 2

”Agora recuperamos unha tradición que non estaba esquecida, que estaba na boca de moitas veciñas, pero temos que fixala”, explica Xaquín. “Hai que documentalo, e cuns vídeos caseiros que rescatamos polas casas, a ver se facemos un minidocumental”.

A idea é recoller tamén os cancioneiros de todo o Concello, facendo fincapé nas pandeireteiras de Lestón, coincidndo coa homenaxe do Día das Letras Galegas. “En Valenza non houbo unha recolleita nos anos 80-90 pero estamos traballando para poder rescatar o maior número de cantigas posibles para render homenaxe ás Lisa de Liborio, Consuelo de Cristino, Xosefa de Velo, Maruxa D’Allo e tantas outras, que foron fundamentais nas derradeiras foliadas dos cabanotes e ruadas do Antroido”.
De feito, están colaborando co Concello de Coristanco para xuntaras colleitas co resto das cantadoras das distintas parroquias.

Máis actividades

Ademais de encher cada sábado o Local Social de música tradicional, a xente de Lourido vai participar na festa do Entroido municipal. o vindeiro venres no pavillón.

Pero xa teñen tamén a cabeza na organización dalgunha actividade para a festa de San Xoán e San Pedro, o patrón da parroquia.

Ademais, traballan para escalar a Asociación para conseguir financiamento para facer a cousa algo máis grande de cara ao Entroido do Burro do ano que vén.

Máis novas

A Liña de Alta Tensión que logrou unir entidades e veciños de 7 concellos

Comentarios