Mariola Martínez e Santi Caneta dirixirán o Entroido de Fisterra
- Mariola da Pescadora será ademais a pregoeira.
- Este ano son 4 as comparsas que se presentan ao senlleiro concurso.
O Entroido máis tradicional da Costa da Morte, o da Fin do Camiño, xa conta as horas para o gran Concurso de Comparsas, a máxima expresión da retranca costeira. A cita, que se celebra o martes 17 ás 18:00h no Pavillón municipal, vai collendo forma, e xa podemos avanzar que serán 4 as comparsas participantes. Comezará a comparsa familiar local da Brincadeira; de seguido saltará a escena a Mocatriz, chegada dende Vimianzo; para dar paso á nova comparsa da mocidade fisterrá, A Sumbadeira, rematando o concurso cos xa veteranos Os da Charca.
Mariola da Pescadora, pregoeira
O Concurso contará cunha pregoeira de ampla traxectoria artística, fortemente vencellada aos escenarios, ao humor e ao teatro, e cunha fonda paixón polo Entroido, ao que considera a mellor época do ano. . A relación de Mariola Martínez con esta festa comezou a unha idade moi temperá, participando en diversas comparsas, entre elas a Comparsa J.B. Máis adiante, entre os anos 2017 e 2024, formou parte da Comparsa Tortugas y Peces, unha etapa especialmente significativa na súa traxectoria persoal e artística, na que chegou a ser elixida Raíña do Entroido no ano 2018.
A súa experiencia nos escenarios esténdese tamén ao eido audiovisual. No ano 2003 participou no concurso de presentadoras do programa Luar da TVG e, posteriormente, realizou diversos cameos en coñecidas series de televisión como Motivos Persoais, Aída e Hospital Central.
Este ano, con ilusión e respecto pola tradición, asume o reto de exercer como pregoeira do Entroido máis tradicional da Costa da Morte, o de Fisterra, dando inicio a unha das celebracións máis emblemáticas e arraigadas da vila.
Ademais, no marco da programación do Entroido, será tamén a encargada de presentar, xunto con Santi Caneta, o Concurso de Comparsas, que se celebrará o martes 17 de febreiro.
Mariola e Santi son dous referentes do Entroido fisterrán, figuras moi vencelladas á tradición, ao humor e á esencia desta celebración tan arraigada na vila.
CRÓNICAS DO ENTROIDO FISTERRÁN
- 2024: O Entroido fisterrán volveu tirar de retranca.
- Entroido Fisterra 2023: Fisterra recuperou a súa retranca.
- Entroido Fisterra 2022: Voltou o Entroido a Fisterra. Voltou a Festa.
- Entroido Fisterra 2020: Eló non vale un mundo o Entroido de Fisterra?!.
- Entroido Fisterra 2019: O Entroido de Fisterra, entre a tradición, a innovación e a retranca.
- Entroido Fisterra 2018: O Entroido de Fisterra, máis sagrado que a Resurrección.
- Entroido Fisterra 2017: As comparsas agudizan a crítica en Fisterra.
- Entroido Fisterra 2016: O gran Entroido “peatonal” de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2015: A retranca, polas veas de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2014: A copla ten canteira no Entroido de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2013: A copla sobrevive no Entroido de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2012: Un impresionante entroido ácedo e indignado en Fisterra.
- Entroido Fisterra 2011: “Un Entroido que vale un Imperio”.
