Entroido, festa e reivindicación
O sábado, en tódalas vilas da Costa da Morte celebramos un ano máis o Entroido con orellas e filloas a esgalla. Hai nada gozamos dun Nadal de gasto e enchentes. Participaremos na festa con ledicia mais con sentimentos encontrados.
Escoito o discurso do presidente da Cámara de Representante de EEUU xustificando a represión e as barbaridades contra a poboación inmigrante facéndoa responsable de tódolos males da sociedade norteamericana. Estas noxentas xentes do sur xustifican as redadas migratorias, as invasións e os xenocidios dos pobos. Fala cun discurso tendencioso que estamos obrigadas a crer porque ven de xente seria con traxe e garabata. Aínda sospeitando dos seus embustes, merece a nosa confianza porque representa a unha
democracia modelo, sendo un sistema que protexe aos poderosos e nega a xustiza aos deprimidos e aos pobos que sofren abusos do poder.
Como cidadá sinto impotencia porque non son allea ao mal que atinxe a outros. A pena sen acción é un xeito de silencio que nos fai cómplices e da carta branca aos depredadores.
Ser sensible á dor é unha cuestión ética. As persoas que tivemos a fortuna de vivir na abundancia sentimos desacougo por ver o que pasa ao noso arredor nun mundo inxusto, espoliado e coa riqueza mal repartida. Obríganos o que pasa en terras por baixo da liña que nos protexe do sur: Sudán, Palestina, Iemen, Malí, Congo e Haití por non falar de Myanmar, Siria, Afganistán, Nixeria ou Etiopía, países que experimentan graves crises humanitarias, alimentarias e conflitos armados.
En Palestina tense denunciado o uso da fame como arma de guerra e asistimos a un xenocidio en curso, con centos de miles de mortos e desprazados. Os que vivimos na sociedade da abundancia, que gozamos de tódalas comodidades temos certa culpa por pertencer á sociedade do privilexio máis, se non reflexionamos, somos posibles clientes dun aloxamento turístico na Franxa de Cisxordania.
Eses pobos que coñecemos a través dos medios están reclamando axuda e piden a gritos que non nos esquezamos do seu sufrimento. Temos a obriga moral de ser a súa voz porque están dando a vida por defender o seu.
Por iso estamos na festa, reclamando a atención da veciñanza, na procura de crear unha conciencia cidadá que obrigue aos nosos dirixente a facer políticas proteccionistas. No 2026 a humanidade tiña que ter aprendido que a guerra e a fame so traen sufrimento
aos pobos e riqueza aos poderosos, e deben desaparecer como forma de resolver conflitos.
Como o Carnaval sempre foi un espazo de encontro entre o divertimento e a reivindicación estaremos na festa en Laxe o dia 14 a partires das 6 da tarde cunha comparsa “Por Palestina” para dar voz aos irmáns que piden a gritos a occidente non esquezamos que padecen un verdadeiro exterminio.
Participar e ser solidarios como cidadáns de a pe é todo o que podemos facer.
Achegarse e unirse á charanga coas roupas de cada día, e así representar a tantas vítimas anónimas que non poden gozar, desexando que pronto podan sentir as súas músicas de festa.
- Caridad Camarero Suanzes. Xubilada.

