Don Nicolás Varela Díaz: un fillo ilustre da comarca de Bergantiños

Fachada da igrexa de Oca

A comarca de Bergantiños dou, e tamén dá, importantes persoeiros no saber científico, facendo a súa aportación á sociedade do seu momento. Un destes foi o crego Nicolás Varela Díaz, natural da parroquia de San Martiño de Oca, en Coristanco. Despois de ordenarse sacerdote en 1869, foi nomeado párroco de Sísamo, pasando posteriormente a Bértoa, ambas freguesías pertencentes ao actual concello de Carballo. Nesta última tivo que afrontar o traslado e a construción da igrexa, obras que discorreron entre 1877 ata 1881. O antigo templo de Bértoa, situado preto do cemiterio, estaba en estado ruinoso dende había polo menos un século, xa que a mala calidade dos materiais da súa arquitectura e a falta de solidez do adro a consecuencia das filtracións do río, facían imposible calquera reforma para sostelo. Deste xeito, Varela Díaz xuntou os caudais suficientes, e logrados todos os permisos, comezou a obra, bendicida un ano antes da súa conclusión total. Así di o libro de fábrica: “En quince de agosto de mil ochocientos ochenta se bendijo la iglesia nueva construida en el sitio denominado Barreiras. Fue autorizado para dicha ceremonia el actual párroco, don Nicolás Varela, con fecha treinta de julio de 1880”. Como era unha tristura para os fieis de Bértoa abandonar a antiga parroquial, don Nicolás promoveu a súa remodelación e a conversión de templo en oratorio público, dedicado á Virxe do Rosario. 

Esta importante labor construtiva e de mellora da igrexa, continuada polo seu sucesor, o cura pontevedrés Narciso Coello Osorio, foi premiada pola xerarquía diocesana: no ano 1881 Varela Díaz tomará posesión da parroquia de Santa María dos Anxos, e no ano 1886 será nomeado reitor de San Miguel dos Agros, na cidade de Santiago. No ámbito intelectual, don Nicolás decantouse polo estudo do Dereito; era doutor in utroque iure, é dicir, en Dereito Canónico e Civil, e tamén doutor en Teoloxía. Seguiu os seus pasos o seu sobriño Nicolás Mato Varela, nacido na parroquia de Oca o 18 de xuño de 1875, e seu afillado de pía. Mato Varela foi ordenado presbítero en 1899, e en 1900 obtivo o doutorado en Teoloxía; foi crego de Numide, Coiro (etapa na que o seu tío lle obtén o título de honra de capelán da súa Maxestade), Serra de Outes, e ata o seu pasamento ocupou as parroquias da Estrada e Ouzande. 

Regresando a Varela Díaz, co seu brillante currículum opositou co fin de lograr algunha prebenda nos cabidos de Tui, no da colexiata da Coruña ou no cabido de Santiago; sen embargo, logrou definitivamente unha praza como cóengo doutoral en Madrid, obtida por oposición no ano 1887. Xa asentado na capital, pertenceu ao Colexio de Avogados de Madrid, exerceu no Tribunal da Xustiza e exerceu como auditor supernumerario do Tribunal Supremo da Rota. Os seus superiores, vendo a valía deste sacerdote coristanqués, nomeárono Reitor do Seminario e foi convidado a impartir clases de Dereito en varios centros. Foi fundador e director da Revista Canónica, e foi distinguido pola Casa Real como Capelán de Honra e Predicador da Familia. Logo de gozar da estima do clero, da aristocracia e da sociedade de Madrid, onde a súa carreira foi certamente brillante, faleceu en 1929. 

 

Máis artigos de Luís Bermúdez