O BNG denuncia o “desleixo” do goberno galego cos portos da Costa da Morte

Daniel Pérez criticando desleixo da Xunta cos portos da Costa da Morte

O deputado o BNG, Daniel Pérez denunciou o “desleixo” do goberno galego cos portos da Costa da Morte así como a súa falta de compromiso para garantir o futuro empresarial e laboral da comarca.

Para o deputado, “a Xunta non defende os intereses da Costa da Morte, nin ten a intención de destinar as partidas necesarias para o seu desenvolvemento”. Nesta liña, lembrou a necesidade dunha autovía da Costa da Morte (no treito que falta xa se fala só de vía rápida) para comunicala coa comarca de Bergantiños, e co eixo industrial constituído polos polígonos de Carballo, Laracha, Arteixo e A Coruña e lembrou que dende o ano 2009 “continuamos agardando por esta infraestrutura” sen que o Partido popular “movera unha soa pedra” e sen executar as partidas incluídas nos orzamentos.

Os portos

Sobre a actual situación dos portos da Costa Morte, fixo referencia á falta de actuacións no porto de Malpica, a desfeita nas obras de dragaxe de Laxe, o incumprimento do compromiso para o porto mixto de Corcubión, a cobertura do servizo de practicaxe nos portos de Sada, Laxe, Corme, Cee e Corcubión, “un despropósito” que por aforrar 60.000 “púxonos en risco sen servizo durante tres meses expoñéndonos a un novo accidente como o do Prestige ou o Casón”.

Agora, explicou  o deputado, temos que engadir un feito que condiciona a actividade ordinaria dentro  doutra dársena, a do porto de Brens, que afecta “ao futuro  das fábricas de ferroaliaxes en Cee e Dumbría, da empresa Xeal”. 

Presunta prevaricación pola autorización da xunta para a venda de ferroatlántica ao grupo inversor TPG-ITHAKA

Daniel Pérez criticou o cambio da Xunta tras finalizar a súa relación co empresario Villar Mir, “unha lúa de mel” na que o porto de Brens ocupaba un lugar destacado, agora, sen embargo, despois da venda de Ferroatlántica a un fondo norteamericano, “o porto xa nos lle interesa”. Unha venda cualificada polo propio comité de Xeal “de opaca e fraudulenta” e que a día de hoxe, permanece xudicializada tras a denuncia do comité de empresa por “presunta prevaricación”.

Na denuncia, recalcou o nacionalista, pídese a investigación dunha “presunta prevaricación administrativa” de Ferroatlántica, o grupo inversor TPG-OTHACA, Xallas e a directora de Augas de Galiza. Ademais existe unha sentenza do ano 2020 que obriga a manter a actividade e o emprego en Cee e Dumbría para obter o aproveitamento das centrais hidroeléctrica. "Que mantemento da actividade hai cando dos cinco fornos de mantemento só hai dous e vemos como a Xunta non asume que se están incumprindo as cláusulas concesionais?" preguntou.