Portos recoñece o vertido de 1.500 toneladas de restos na dársena de Laxe procedentes da dragaxe
”Complicada” é a palabra máis utilizada por Portos de Galicia sobre a obra da dragaxe do porto de Laxe. Unha obra eterna, aínda non rematada a pesar das promesas do ente autonómico, e que aínda precisará de varias actuacións na zona do bordo do peirao e do contradique, durante este verán.
Pero a obra pasou hoxe polo Parlamento Galego. O deputado carballés do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Pérez, levou unha pregunta á Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, sobre o desenvolvemento das obras.
Sorprendeu a resposta de Susana Lenguas, Presidenta de Portos de Galicia, que recoñeceu o vertido de 1.500 toneladas de material de escombro procedente da obra de dragaxe dentro da propia dársena.
As obras serviron para extraer 43.000 metros cúbicos de rocha para rebaixar a cota da dársena, que debían ser depositadas en zona B, “nun punto cercano á rocha pero sen ser pegado á mesma, para evitar o enterramento da zona de transición de rocha e area.” Esta especificación tiña unha finalidade que é que o vertido incrementase a zona rochosa e a de transición entre rocha e area.
Porén, 1.600 toneladas de escombro ou sedimento da zona a dragar foron vertidos, durante a terceira campaña anual da execución da obra, no interior da dársena, e polo tanto, fóra da Zona B de vertido sinalada no proxecto. Aínda que a Presidenta de Portos cualificou o vertido coma “provisional”, provocado polo remate do período temporal autorizado e a imposibilidade de facelo na zona designada (polas condicións do mar), “atendendo á especial catalogación medioambiental da zona foi unha actuación cando menos discutíbel polo indubidable impacto na mesma”, denuncia o BNG.
Pola súa parte, Leguas limitouse a recoñecer a “complexidade da obra”, “das máis complexas executadas polo ente público”, e sinalou que o vertido trátase “dun depósito provisional de material dragado nunha zona interior do porto e dentro do ámbito da obra con informe previo favorable do Goberno central, que será retirado na próxima campaña deste ano”. Leguas argumentou que a protección da zona como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Rede Natura está provocando retrasos nas obras.
NOVAS RELACIONADAS
- Setembro 22: A Xunta afirma que a dragaxe do porto de Laxe rematará en outubro pero non clarexa a problemática dos áridos.
- Novembro 21: Podemos e o BNG preguntan pola nova retirada de area da praia de laxe.
- Novembro 21: O Ministerio responsabiliza a Portos do eterno problema dos áridos e inundacións no paseo de Laxe.
- Agosto 21: A dragaxe do porto de Laxe, aínda ao 50% de execución.