O BNG reclama a exclusión da frota artesanal do Regulamento Europeo de Control da Pesca

Hoxe é o día no que comeza, oficialmente, a folga dunha flota de baixura que fará diferentes paros en Madrid, na Coruña e tamén en Corcubión.  A posta en vigor do novo Regulamento de Control da Pesca da Unión Europea trae graves consecuencias para o sector galego, con burocracia e obrigas moi difíciles de asumir, ademais de seguir extendendo a sombra da delincuencia sobre eles.

 

Así o entende o BNG, que vén de presenta iniciativas no Parlamento para reclamarlle ao Goberno de Rueda que exerza as súas competencias exclusivas en augas interiores e defenda as súas propias normas de control.  Pídelle tamén que demande ao Executivo estatal negociar coa Comisión Europea a exclusión da frota artesanal das obrigas deste regulamento, que non ten en conta a realidade e singularidade das frotas de baixura galegas.

A deputada e voceira de Mar do BNG, Rosana Pérez pide realismo e sentido común á hora de regular estas embarcacións, con obrigas que “nos prexudicarán aínda máis” –advirte– a partir de 2030, data na que se estenderán a todos os barcos de menos de 9 metros (a regulación xa baixou dos 15 aos 12 metros, implicando á meirande parte da pesca de baixura galega, uns 3.500 barcos), que constitúen a maioría dos de marisqueo a frote.

 “Este non é un regulamento nin para a nosa frota artesanal nin para as nosas rías. Está pensado para outro tipo de barcos máis grandes e non recoñece a realidade do noso sector”, advirte, recordando que tanto o PP como o Psoe foron os que aprobaron este regulamento e, por tanto, deben agora,  coa súa maioría, levar a cabo o que dende o BNG sempre esixiu: “excluír a frota artesanal desta norma e, mentres, adaptala para que a frota artesanal galega non desapareza, que ao mellor é o que queren o PP e o Psoe”, declara.

O diario electrónico “resulta inasumible para as frotas de baixura”, apunta Rosana Pérez, para quen “a obriga de ter que facer oito comunicacións por xornada é unha carga burocrática que a frota non pode asumir por lles dificultar o normal desenvolvemento da actividade pesqueira”.

 

 

Apoio da Consellería do Mar

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo o venres unha reunión cos presidentes da Federación Galega de Confrarías de
Pescadores e das federacións provinciais na sede da Consellería. Durante o encontro, a responsable autonómica lembrou que a Xunta actuou con antelación e dilixencia ao remitir en 2024 alegacións formais ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre este regulamento, advertindo xa daquela das dificultades que a nova normativa ía xerar na frota artesanal e de baixura. Villaverde lamentou que esas achegas non fosen atendidas no seu momento, o que tería permitido anticiparse á situación que vive actualmente o sector.

A titular de Mar reiterou que Galicia comparte os obxectivos de control, trazabilidade e loita contra a pesca ilegal, pero insistiu en que a aplicación do regulamento, tal e como está formulada, pode supoñer riscos para os pescadores á hora de traballar e exposición a sancións innecesarias. Así, sinalou que resulta desproporcionada e pouco realista para embarcacións pequenas, con mareas curtas e sen medios técnicos para cumprir con esixencias como o rexistro exacto das capturas a bordo ou os prazos de notificación previa de entrada a porto.

Neste sentido, Marta Villaverde defendeu novamente a necesidade dunha implantación flexible, progresiva e adaptada ás características da pesca artesanal galega, evitando cargas administrativas innecesarias e un réxime sancionador que xere inseguridade xurídica entre os profesionais do mar. Tamén se comprometeu a seguir exercendo de interlocutora activa ante o Ministerio e a defender en todos os ámbitos unha aplicación do regulamento compatible coa viabilidade económica do sector e  co mantemento do emprego e da remuda xeracional.

Máis novas do asunto