O profesorado da Costa da Morte únese na súa Asembleas Abertas do Ensino Público

Imaxe do peche vivido no IES Agra Raíces a comezos de mes

O profesorado de ensino infantil, primaria, secundaria e FP estanse agrupando en diferentes zonas de Galicia, dende que xurdiron en Vigo no mes de outubro, e están a formar as Asembleas Abertas do Ensino Público para buscar mellorar tanto as súas condicións coma o ensino (redución de ratios, profesorado de apoio...).

As Asembleas do Profesorado están gañando espazo tamén na nosa comarca, onde os peches no IES Agra Raíces, no CRA Ponte da Pedra de Carballo e no IES Eduardo Pondal no marco dos "Martes en Loita", están creando unha tendencia, tratando de "artellar unha resposta común ante as problemáticas que afectan actualmente ao ensino público".

Na comarca veñen de convocar unha asemblea para o vindeiro mércores, 25 de febreiro, ás 17:00 h no 2º andar do Pazo da Cultura de Carballo. Con esta asemblea búscase unha participación conxunta de docentes e persoal de servizos dos centros educativos; familias e ANPAs; representantes dos Consellos Escolares, e axentes sindicais.

Desde o colectivo denuncian unha "continua desatención por parte da Consellería, traducida en recortes de persoal, sobrecarga burocrática e instalacións precarias ou mal coidadas". Esta situación, afirman, "dificulta que o alumnado reciba unha educación acorde ás súas necesidades, especialmente no tocante á atención á diversidade".

Obxectivos

Neste contexto, a reivindicación articúlase arredor de catro obxectivos principais:

  • Redución de ratios (alumnado/aula),
  • Dotación de recursos humanos especializados para unha correcta atención á diversidade,
  • Mantemento axeitado de infraestruturas e
  • Redución da carga horaria docente de acordo ás circunstancias conxunturais actuais.


As Asembleas subliñan a importancia de "unir forzas entre todos os axentes implicados para acadar unha educación pública de calidade, polo que invitan e animan á participación nesta xornada a toda a comunidade educativa da Costa da Morte".