Xoves. 09.05.2024
El tiempo

Propoñen colocar “Pedras da Escotelada” diante das casas dos veciños costeiros represaliados polo nazismo

A CORUNA XA INAUGUROU as placas Stolperteine
O Concello da Coruña xa instalou as primeiras placas Stolpersteine
Propoñen colocar “Pedras da Escotelada” diante das casas dos veciños costeiros represaliados polo nazismo

”Stolpersteine” é un proxecto internacional de homenaxe ás vítimas do nazismo. Un proxecto que xa chegou á Coruña como a primeira localidade galega onde se instalaron estas “Pedras da escotelada” feitas por un artista alemán e que percorren as rúas de toda Europa lembrando a aqueles asasinados en campos de concentración.

Estas pequenas lastras de 10x10x10 centímetros, cuberta na cara superior por unha placa de latón na que van gravados nome e datos da vítima, colócanse no pavimento, diante da casa de cada unha das vítimas. Só sobresae a placa de latón, e esta lixeira elevación é a que lle dá nome. Porque stolpersteine é unha palabra alemá que significa algo así como “pedra de tropezo”. Na nosa comarca poderíamos traducila, de xeito moito máis noso, como “a pedra da escotelada”: unha pedra na que tropezas co pé, pero a idea é que ese pequeno tropezo sexa amplificado na cabeza e no corazón.

Berlin_paul-lincke-ufer-41_stolperstein_20050208_p1000301
Exemplo dunha placa stolperstein ou pedra da escotelada

Así nolo debulla Fernando Vidal Collazo, que xunto coa Asociación Insua de Viastela de Corme están intentando achegar o proxecto, nado en 1993 da man do artista alemán Gunter Demnig, á Costa da Morte. “En oposición directa ás políticas de exterminio masivo dos nazis, Gunter Demnig insiste en que cada Stolperstein se faga a man. Xa non ten tempo para facelas el mesmo, pero o escultor Michael Friedrichs-Friedlaender fai cada pedra a man no seu estudo de Berlín”.

”Como coñecemos o caso de varios veciños da nosa comarca que sofreron o internamento (e case todos a morte) en campos de concentración nazis, dende a Asociación Insua de Viastela propoñemos aos concellos implicados que dean permiso para colocar unha “stolpersteine” na porta da casa destes veciños”, explican. Dende a entidade intentarán involucrar ás asociacións de cada localidade que se sumen á organización da homenaxe.

Casos na Costa da Morte

1) No caso concreto do concello de Malpica, xa vostedes saben (pois foron homenaxeados non hai moitos anos) que Antonio Suárez Blanco e Luís Rodríguez Villar foron sobreviventes dos campos de concentración nazis, e que Antonio Fariña Chouciño non puido aguantar, e foi exterminado en Gusen.

2) No caso concreto do concello de Ponteceso, informámolos de que Jesús Cousillas Chans era natural de Corme, e foi exterminado no campo de concentración de Dachau.

3) No caso concreto do concello de Zas, informámolos de que Valentín Ramos González era natural de Brandomil, e foi exterminado nun campo de concentración nazi.

4) No caso concreto do concello de Vimianzo, informámolos de que José Becerra Triñanez era natural de Carantoña, e foi exterminado nun campo de concentración nazi.

5) No caso concreto do concello de Mazaricos, informámolos de que foron dúas as persoas exterminadas en campos de concentración nazis: Juan Rodríguez Trillo da Corveira-San Fins de Eirón, e Daniel Fidalgo Antelo de Os Vaos.

6) No caso concreto do concello de Dumbría, informámolos de que foron tres as persoas exterminadas en campos de concentración nazis: Manuel Piñeiro Agulleiro (do que non sabemos o lugar concreto de nacemento), Manuel Rodríguez Louro de O Ézaro, e Silvestre Alvite Miranda de Regoelle-Olveira.

7) No caso concreto do concello de Fisterra, informámolos de que Ramón Lema Marcote era natural dese concello, e foi exterminado nun campo de concentración nazi.

Outros casos

A entidade lembra que na comarca tamén houbo dúas persoas de Malpica que sobreviviron aos campos. E que foron exterminadas unha persoa de Malpica, unha de Corme, unha de Zas, unha de Vimianzo, dúas de Mazaricos e tres de Dumbría, polo que tamén están presentando unha solicitude parecida neses concellos.

Ademais, explica Vidal, “pode que na nosa comarca haxa algún caso máis que non sexa coñecido de momento. Isto pode suceder principalmente por tres razóns. Unha delas é que algún dos nomes das listaxes de mortos sexa da nosa comarca, pero non estea ben identificado o seu lugar de nacemento. Este podería ser o caso de José Seijas Aller, que nas listaxes consta que é de O Castro-A Coruña, sen máis datos. Podería ser que José fora veciño noso, porque en case todos os concellos da nosa comarca hai un ou máis lugares chamados O Castro”.

Outra das razóns polas que pode haber outro caso na nosa comarca aínda descoñecido é que “se dea unha situación parecida á do cormelán Jesús Cousillas Chans. Este non aparece en ningún dos listados publicados na prensa porque, aínda que foi exterminado no campo de concentración de Dachau, aparece con datos cambiados (consta Juan Caisillas, último enderezo en Corns). Demos con el grazas que tiñamos recollidas en Corme varias testemuñas de que o mataron os nazis”.
Unha terceira razón pola que pode haber algún outro nome aínda descoñecido é no caso dos ou das sobreviventes (como se dá en Malpica), pois as listaxes de sobreviventes son incompletas e teñen moita menor difusión.

Implicación municipal

Por todo o anterior, animan a todos os concellos da comarca a investigar o caso, para que a homenaxe que propoñemos sexa completa, que inclúa a todas as vítimas.

Novas de Memoria

Comentarios