Reclaman reforzo urxente da Policía Local en varios concellos da Costa da Morte

O voceiro de UCIN Galicia, José Luis Calo, reclamou hoxe ás administracións públicas que adopten medidas inmediatas para reforzar os cadros de persoal das policías locais na Costa da Morte, tras anos de precariedade que deixan a varios concellos nunha situación de desamparo.

En Cee, a localidade leva preto dun ano sen Policía Local, un feito que, segundo UCIN Galicia, supón un “risco real para a seguridade cidadá e unha mostra evidente de abandono institucional”.

Nos concellos de Camariñas e A Laracha, logo de longos meses con problemas de persoal, conseguiuse recuperar parte do servizo, pero con dotacións aínda insuficientes. “Non se pode pretender cubrir as necesidades da veciñanza con efectivos mínimos, isto é simplemente un parche”, advertiu Calo.

UCIN Galicia insta á Xunta de Galicia e ao Estado a habilitar medidas extraordinarias, incluíndo a convocatoria de prazas e solucións inmediatas que garantan unha presenza policial estable e continua.

“Non estamos a falar dun capricho, senón dunha necesidade esencial. Sen Policía Local non hai seguridade nin confianza, e non se pode permitir que concellos enteiros estean desprotexidos”, subliñou o voceiro da formación.

Máis novas