O PP esixe á alcaldesa de Cee que asuma a súa responsabilidade como xefa de persoal do Concello e solucione o problema coa Policía Local
Continúa o Concello de Cee pendente da grave situación derivada do estado de baixa dos 7 axentes da Policía Local. Desta volta é o grupo municipal do Partido Popular de Cee o que vén de emitir un comunidado para esixir á alcaldesa, Margot Lamela, que "asuma dunha vez por todas a súa responsabilidade como xefa de persoal do Concello de Cee e medie para solucionar o problema de baixas que existe coa Policía Local". Entende o voceiro local do PP Jesús Picallo que "unha alcaldesa ter man esquerda para falar coa xente. A política é falar para solucionar os problemas, non para crear máis".
“O municipio non pode seguir sendo noticia por este asunto. Desde o Partido Popular esiximos que a señora alcaldesa que sente a falar e poña fin a este problema”, apuntou Picallo, quen adiantou que a súa formación pedirá explicacións de por que a rexedora decide abrir un expediente a cinco integrantes do corpo da Policía Local e, pouco máis dun mes despois, o tribunal administrativo encargado de analizar a documentación decide arquivar o asunto.
“Non se pode xogar desta maneira co diñeiro destas familias. Son persoas de Cee, que teñen máis que demostrado a súa capacidade e a súa dedicación aos veciños. Falamos do soldo de persoas que ten que afrontar o seu día a día e o das súas familias e que non poden estar en mans dos caprichos da alcaldesa”, denunciou Picallo.
Neste sentido, o voceiro popular incidiu en que, "en lugar de enfrontar a compañeiros e crear conflitos, o que debería facer a señora Lamela é dialogar e buscar unha solución". “Cee é cabeceira de comarca e a súa Policía Local é fundamental para garantir a seguridade da xente do municipio e doutros concellos. Se esta xente está de baixa médica será por algo e iso é o que debería preocupar ao Goberno Local”, apuntou Picallo.