As causas polas que os 7 axentes de Policía Local de Cee están de baixa
Xa non é a primeira vez que acontece pero as problemáticas persoais de cada funcionario provocan ás veces que temas tan importantes como a situación da Policía Local de Cee se poidan abordar publicamente. De feito, este diario quixo coñecer en innumerables ocasións a súa versión pero non queren facer declaracións por recomendación dos seus avogados. Pero é que a plantilla ao completo da Policía Local de Cee, formada por 7 profesionais, está, nestes momentos de baixa, unha situación practicamente semellante á de fai un ano.
Os mesmos axentes que na pandemia fixeron xornadas de 10-12 horas, que foron tratados como heroes, que foron mesmo condecorados, son nestes meses tratados como traidores e “insubordinados”. A propia rexedora, Margarita Lamela abriulles expedientes sancionadores, xudicializando a 5 dos axentes (todos experimentados e con carreiras de arredor de 20 anos), e acusándoos facer unha folga encuberta, de collerse baixas inxustificadas, poñendo en dúbida a súa profesionalidade e tamén os informes médicos de profesionais de diferentes especialidades.
Unha situación tremendamente grave que pon de manifesto a política de “comigo ou contra min” que leva practicando a rexedora nos últimos anos, baseada nunha desconfianza cara todo, creándose inimigos por todas partes, mesmo na súa propia casa, e batendo todas as marcas de baixas laborais do persoal funcionario, do persoal laboral… Nos últimos ano, dos 3 axentes da Policía Local que asumiron o posto de Xefe de equipo, dous acabaron sendo cesados e o último leva máis dun ano de baixa. Unha Policía Local que herdaba dividida, pero que en apenas 4 anos conseguíu unir, a base de crearlles, a varios dos axentes, problemas de ansiedade, estrés...
A cousa é aínda máis grave, cando utiliza á prensa (amiga = pagada) para enfrontar aos Axentes coa veciñanza, dando cifras inexactas que poden dar a malos entendidos. Porque non, os soldos dos funcionarios non se calculan divindo 300.000€ entre 7, son moitas as partidas que van dentro dese orzamento.
A orixe do problema
Todo parte dunha problemática herdada dende hai anos no Concello, e que provoca que existan diferencias salariais (de ata 500 €/mes netos) entre funcionarios do mesmo concello e categoría. Antes de entrar na alcaldía a rexedora prometía solventar esas diferencias, pero lonxe de facelo, ao pouco tempo xa comezou a crear problemas no seo do corpo, eliminando as horas extras, ou non pagalas, non concedendo días libres xerados por exceso de traballo, mantendo un control estrito de cada movemento e unha esixencia extrema, ou ata controlando os “gústasmes” nas redes sociais de cada individuo, como fai con xentes mesmo do seu entorno. Chegou ata contratar profesionas de outras zonas para non terlle que pagar as horas extras aos seus propios traballadores, xa convertidos en inimigos.
”Hai que facerse a pregunta do revés. Podes ter problemas con unha ou dúas persoas, pero con todas? Quen terá o problema?”, reflexionan fontes municipais.
A oposición, a unha
O asunto saiu no último pleno, con aportacións dos 3 grupos da oposición.
Dende o PP fan unha reflexión: “Non entendemos como se lle abra expediente a varios traballadores e se lle arquive nun mes. Que pasa aí?”. Jesús Picallo lembra que “esta alcaldesa ten taxa de baixas máis alta da historia da democracia de Cee, baixas avaladas por informes médicos. O problema debe telo ela”, sinala en relación á rexedora.
Pero vai máis alá. “O máis grave é que está enfrontando a traballadores municipais entre eles, a compañeiros que levan máis de 20 anos traballando xuntos. O Concello de Cee é a terceira empresa en función de número de traballadores en toda a zona, e a alcaldesa ten que ser a xefa de equipo, ten que saber coordinar, ten que facer equipo, e o que está a facer é todo o contrario”.
Picallo tamén considera que “estamos na capital da Costa da Morte e a Policía Local fai moita falta. Cando está presente pode criticarse, pero cando non está nótase, e nótase moito”, lamenta.
Quere deixar tamén enriba da mesa o lado humano dun equipo da Policía Local que foi premiado e recoñecido pola súa impresionante labor durante a pandemia, e lembra que “estamos falando de traballadores que ten que pagar hipotecas, facturas, que teñen familia… Non se pode xogar co traballo da xente”.
”Dende o PP pedímoslle que recapacite, e que quere que nos pide que pidamos, en aras do ben común. Porque esta alcaldesa espero que non sexa alcaldesa pronto, pero os axentes serán axentes por moitos anos”.
Pola súa parte, o voceiro do BNG, Serxio Domínguez, “a realidade é que desde que ela entrou, facendo a parentese da pandemia onde os polis eran tratados como heroes, a xestión da Policía Local é lamentable. Chegou até o punto de traer un axente de fóra para ocupar a praza de xefe de Policía Local, que en apenas un ano se puxo de baixa, síntoma claro de que o problema non é o persoal, é ela”.
Lembra que “cando había 8 policías cubrían toda a semana, de 8 da mañá a 21 horas, e os sábados toda a noite. Con ela os sábados xa non son necesarios porque a movida de Cee desapareceu, e non foi quen nin de cubrir as tardes. Agora xa nada, con todo o equipo de baixa, o que provoca un problema de seguridade cidadá, a ausencia da policía local crea incerteza e esperemos que non teñamos que poñer as mans a cabeza si pasa algo”.
Lembra tamén Domínguez que son “os mesmos axentes condecorados por salvar a persoas nun incendio ou dun infarto nun colexio. Non pudieron pasar de héroes a viláns da noite a mañá”.
Nese sentido, o BNG pide á rexedora que “se sente a dialogar, que deixe de trasladar á opinión publica que a Policía Local está de Baixa porque quere (os facultatuvos non dan baixas se non hai causas), e que solucione dunha vez por todas o conflicto”.
Para Pilar Iglesias hai un “conflito laboral de libro”, e “non só coa Policía Local, senón con moitos máis traballadores do Concello”. A voceira de IxCee pídelle á rexedora que “faga algo de autocrítica”, e critica que a rexedora “poña en dúbida as baixas prescritas por facultarivos”.