Renovado o pequeno apoio da Consellería do Mar para os gastos fixos da Federación Galega de Redeiras Artesás

A redeira cormelá Rosa Rod., a conselleira do Mar, Marta Villaverde, a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’ Chus González; e Rosa Pardo, redeira de Portosín. Foto: Xoán Crespo

Celebrouse onte unha asinar a renovación do convenio para o 2026 que a Consellería do mar ten coa Federación Galega de Redeiras Artesás "O Peirao". A entidade, que aglutina a todas as asociacións de profesionais redeiras do país, ten a súa sede na vila bergantiñá. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a nova presidenta da entidade, Chus González, da Guarda (que colle o relevo da malpicá, recén xubilada, Ángeles Millé) , acompañada por redeiras da comarca como a cormelá Rosa Rodríguez, acodiron para asinar un acordo, subscrito no despacho da titular de Mar, que contempla unha achega de 10.000 euros por parte da Xunta para sufragar gastos correntes derivados da actividade que desenvolve a federación. Deste xeito, o Goberno galego mantén un apoio continuado a esta entidade desde hai anos, cun investimento acumulado que alcanza os 122.000 euros desde o 2017. 

A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, creada en 2004 e con sede en Malpica, integra na actualidade oito asociacións ao longo do litoral galego e representa arredor de 150 profesionais. Entre os seus obxectivos figuran a mellora das condicións laborais e económicas das redeiras, a loita contra o intrusismo, o fomento da prevención de riscos laborais, a promoción da igualdade e o impulso do relevo xeracional.

Máis novas