mércores. 18.06.2025
El tiempo

Sol Agra destaca o valor das Redeiras de Corme e Malpica

Sol Agra coas Redeiras de Corme
Sol Agra destaca o valor das Redeiras de Corme e Malpica

Recibíron onte as redeiras de Corme (Redeiras Illa da Estrela) e Malpica (Redeiras O Fieital) a visita da deputada provincial de igualdade, Soledad Agra (BNG). Agra puxo en valor o traballo artesán “destas mulleres que coas súas mans tecen redes, tamén simbólicas, e manteñen unha tradición que, ademais de contribuír a unha pesca sustentable, é sinónimo de identidade e de país”.

Ademais, a deputada sinalou que “coas súas mans fan o traballo artesanal que despois permite capturar o peixe; son o sostén de todo un sector como o pesqueiro, mais, sendo unha profesión completamente feminizada, non reciben ese recoñecemento que merecen, como acontece en tantos outros casos”.

“Co seu traballo contribúen ao desenvolvemento dunha pesca sustentable e respectuosa co medio pero, ademais, manteñen unha tradición centenaria que é sinónimo de identidade de calquera vila mariñeira e de país”, apuntou a deputada. “Dende as administracións públicas debemos poñer en valor esta profesión e dignificala, combatendo as malas condicións laborais e a falta de relevo xeracional porque, ademais, sería un bo xeito de fixar poboación”.

Sol Agra coas Redeiras de Malpica Angeles Mille
Sol Agra con Ángeles Millé en Malpica

As Redeiras de Corme, en prisión

Rosa Rodriguez a redeira de Corme no centro penitenciairo de Teixeiro
Rosa Rodriguez, a redeira de Corme no centro penitenciairo de Teixeiro

Descatable é o último traballo que está a realizar a Rosa Rodríguez no centro penitenciario de Teixeiro. A cormelá é a formadora do proxecto Tecendo Redes, impulsado pola Fundación Érguete-Integración, que permite que as redes de pesca que xa non serven para o mar se reciclen e se convirtan en redes e canastas para centros deportivos e educativos. Rosa forma a internos e internas de Teixeiro para que poidan aprender o oficio de redeira, conseguindo ofrecer ademais unha ferramenta de reinserción laboral para cando saian de prisión.

Non hai moito a Fundación expuxo o seu traballo no Feirón social de Carballo.

 

Máis novas das Redeiras

 

 

Comentarios