Venres. 03.05.2024
El tiempo

Javier Fernández, o último redeiro de Muros

O redeiro Javier Fernandez No porto de Muros cos aparellos-Foto de Alicia Vazquez
O redeiro Javier Fernández no porto de Muros cos aparellos-Foto de Alba Fdez.
Javier Fernández, o último redeiro de Muros

Javier Fernández é dende hai 20 anos, o último redeiro do porto de Muros. Leva 45 anos exercendo a profesión, e lembra aqueles comezos cando escapaba da escola e ía ao peirao a aprender da man de Elisardo. Agora aos seus 60 anos, e a piques de xubilarse, espera poder entregar o relevo e poder compartir a súa experiencia con algunha persoa da vila que queira aprender.

Coa intención de poñer en valor o seu legado e intentar facer un exercicio de transferencia interxeracional, o Espazo A Maceta invitábao a participar a semana pasada nun Obradoiro de Gravado e Saberes Tradicionais organizado coa colaboración do Concello. Unha ducia de persoas achegáronse para escoitar a súa historia e intentar aprender como amañar os aparellos de arrastre.

Porque se ben aínda quedan redeiras que fan betas, miños, ou aparellos de cerco, para montar os aparellos do arrastre só queda el no peirao muradán.

Javier Fernandez No Espazo A Maceta-Foto de Alicia Vazquez
Javier Fernández No Espazo A Maceta-Foto de Alicia Vázquez

Na xornada estivo ensinando os típicos paneis de nós, distinto tipos de materiais (contou que antes do plástico, o nilon, ou o actual dyneema, utilizábanse esparto e mesmo cáñamo), e tivo que ir contestando ás ducias de preguntas que lle lanzaron as participantes.

Con todo, parece que se deixou algunha cousa no tinteiro e este xoves anunciou que volverá polo Espazo, coa compañía dun redeiro aínda máis experimentado, “o Latán”, para reforzar algún nó, ou contar algunha anécdota.

Mentres, segue afiando os seus últimos tempos antes da xubilación coa ilusión de que haia algún rapaz da zona con gañas de aprender, como un loureán que “ten trazas de querer aprender”.

Alba Fdez e Javier Fdez no Espazo A Maceta-Fotos de Alicia Vazaquez
Alba Fdez. e Javier Fdez. no Espazo A Maceta-Fotos de Alicia Vázquez

Mais novas

Comentarios