Sestao celebrou un Día de Galicia en Euskadi moi costeiro

Pilar Rodríguez e Alejandra Plaza no Día de Galicia en Euskadi

A praza de Kasko do concello de Sestao foi o escenario perfecto para acoller neste ano 2019 a XXXIV celebración do Día de Galicia, un día tan importante que se creou coa intención de estreitar lazos entre as dúas patrias e as diferentes casas de Galicia esparexidas polo País Vasco. Unha edición que contou coa participación activa de dúas mulleres da bisbarra, como a incansable embaixadora cabanesa Alejandra Plaza, que foi a pregoeira; e Amparo Patiño, unha muller loitadora que recibiu a insignia de ouro 2019 da Irmandade, e que está moi vinculada á nosa comarca ao estar casada cun home de Laxe.

Baixo un sol caribeño e durante catro intensos días, os veciños da localidade euskalduna puideron gozar do abano de actividades gastronómicas, musicais, culturais, educativas e de carácter comercial propias nun evento destas características.

O alcalde anfitrión, Josu Bergara López, que destacou a importancia deste tipo de xuntanzas para renovar a relación e o compromiso coa comunidade galega que en Sestao aglutina a unhas 250 familias, e a presidenta da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, Pilar Rodríguez, arroupados polos presidentes das casas de Galicia que conforman a Irmandade e a corporación municipal do concello de Sestao, foron os responsables de oficiar a inauguración desta XXXIV edición.

Fieis á tradición, non faltou o habitual concurso de fotografía, de empanadas e follados, o certame de poesía "Anduriña Voandeira" e a XIX cata-concurso de viños tintos galegos con denominación de orixe. A simbiose entre Galicia e Euskadi estivo moi presente durante estes catro días no corazón da localidade sestaoarra pero, principalmente, o último día.

A homenaxe ao exterior da nosa mellor embaixadora

Unha homenaxe á emigración e unha declaración de intencións, respecto e gratitude foi a base da posta en escena da escritora e xornalista cabanesa Alejandra Plaza como pregoeira do a XXXIV edición do Día de Galicia en Euskadi. "Nunca puiden imaxinarme que emigrar achegaríame cada vez máis a Galicia, ás miñas raíces, á miña nenez. Descubrín a necesidade de mostrarlle ao mundo, o meu mundo. Redescubrínme. Tiven que irme para estrañar o que deixaba e tiven que toparme coa Galicia Exterior para valorar o que estrañaba”.

Alejandra Plaza

Amparo Patiño, insignia de ouro 2019 da Irmandade, muller loitadora, emprendedora, empoderada ao seu tempo que con 16 anos conseguiu convencer á súa familia e trasladala xunto ao negocio familiar a Euskadi declarou: “Teño o corazón repartido porque quero a Galicia pero amo a Euskadi”.


Amparo Patiño

O Conselleiro de Cultura e Política Lingüística do goberno vasco, Bingen Zupiria utilizou dúas palabras para a súa intervención: “Grazas e felicidades. Felicidades porque somos conscientes das dificultades e o esforzo que vos supón celebrar esta festividade e tantas outras que celebrades durante o ano. Sodes un exemplo de como se pode manter viva unha identidade e un espírito. Hoxe gozamos de tres grandes testemuños elaborados por mulleres, por Amparo, Alejandra e Pilar ás que agradezo as súas palabras e testemuño. Grazas a toda a comunidade galega por axudarnos a coñecervos mellor. Alejandra dixo que leva toda a vida traballando para que Galicia non morra no exterior, pois, grazas a vós, Galicia mantense entre nós”.

Relevo xeracional?

Pola súa parte, Pilar Rodríguez, presidenta da Irmandade e dos Hijos de Galicia de Sestao relatou o carácter intinerante desta celebración. "Cada ano este evento organízase nunha localidade distinta para que todo o mundo coñeza o traballo que se realiza desde a Irmandade de Centros Galegos en Euskadi como federación. 34 anos interrompidos como organización é un feito para sentirnos orgullosos pois supón un gran esforzo e sacrificio tanto persoal como económico. Sempre me preguntan se haberá unha substitución xeracional pero a verdade é que é unha pregunta difícil de contestar pois acode xente nova aos centros pero non con ganas de ofrecer o seu tempo e dedicación de maneira altruísta nestas sociedades. As entidades están a cambiar moito e obsérvase un gran materialismo e individualismo. Quero pensar que son características importadas doutras sociedades que nos exportan a súa cultura por diferentes medios audiovisuais e por ser unha evolución inevitable do ser humano debido aos avances tecnolóxicos”.

O festival folclórico galego a cargo dos grupo das casas de Galicia da Irmandade puxeron o broche de ouro a catro exitosos días de celebración.

Novas relacionadas