Un outono cheo de cor e actividades en Coristanco


Un cambio importante na novidosa programación que o Concello de Coristanco preparou para este outono. Un programa variado e no que se tivo en conta aos sectores sociais e educativos do Concello e aos públicos de practicamente todas as idades, recollido nun deseño que deixa atrás as cores ocres desta época, poñendolle cor, vida e dinamismo a un outono.
Esta programación foi posible grazas ao financiamento conseguido da Deputación da Coruña a través da subvención da Rede Cultural (programación de artes escénicas para escolares) e a subvención acadada para actividades culturais da mesma institución, sendo o proxecto presentando pola Concellaría de Cultura de Coristanco, un dos que maior dotación económica conseguiu de todos os concellos da provincia da Coruña. Todas as actividades serán gratuítas (agás a saída ao Courel, na que os e as participantes terán que pagar o aloxamento e a manutención, sendo gratuíto o transporte e as visitas guiadas).

Cursos
Para a elaboración deste apartado, e do seguinte, contouse coa colaboración das asociacións das parroquias, que foron convocadas por parte da Concellaría de Cultura a formar parte dun proceso participativo no que tiveron voz e opinión e no que tiveron unha ampla oferta de cursos entre os que escoller e no que se cumpriu o obxectivo de achegar este tipo de cursos ás asociacións e ás parroquias, moitas veces con dificultades económicas para poder levar a cabo este tipo de cursos. Finalmente, froito deste proceso participativo e de consenso entre as asociacións e a concellaría, os cursos impartidos serán: Informática (iniciación, continuación e redes sociais) en 5 grupos, Nutrición e cociña saudable (dúas quendas, en Couso e Cereo), Transformado de alimentos (Traba), Pandeireita (dúas quendas: Vilar de Couso e Rececinde), Bricolaxe e solucións creativas (Casa da Cultura de Traba).
Trátase de cursos onde se combina a recuperación e fomento das nosas tradicións (pandeireita), a introdución nas novas tecnoloxías (informática, varios niveis), o interese actual por novas formas de alimentación (nutrición e transformado de alimentos), así como actividades que fomentan a creatividade (bricolaxe).
Ciclos de charlas teórico-prácticas
Trátase de 4 ciclos de charlas (con tres sesións cada ciclo) onde se introducen temáticas novidosas e de plena actualidade e conceptos como o de soberanía alimentar ou a agricultura ecolóxica. Asi mesmo, a terceira idade terá un ciclo específico que lle dará un novo enfoque á sexualidade a idades tardías. Por último, a nosa historia (e a actualidade) do noso concello tamén será a protagonista, cun ciclo de charlas que nos levará desde o o noso pasado ata a o Coristanco do século XXI, rematando cunha pequena ruta por algúns dos nosos lugares. Estas charlas, agás a de Agricultura ecolóxica (que será en Rececinde), terán lugar na Casa da Cultura de Traba.
Magosto
Serán tres as actividades que se realizarán con motivo dunha das festas máis destacadas no calendario tradicional galego. A saída de fin de semana á Festa da Castaña ao Courel é o prato forte, unha oportunidade de coñecer os tradicionais soutos galegos nunha das paraxes naturais máis destacadas do país. Como aperitivo, o día 3 teremos un obradoiro sobre as potencialidades da castaña. E, para rematar, a festa de Magosto da terceira idade co Dúo Maracaibo.
Programación de artes escénicas para escolares (novembro)
Os mércores de novembro os e as escolares de todos os centros de ensino do Concello terán a oportunidade de gozar de obras de teatro de calidade da man de compañías de prestixio como Fantoches Baj, Ghazafellos Teatro, Babaluva, etc. Enviaremos a mediados de mes o cartaz específico desta programación, deseñado pola artista carballesa Emi de las Heras.
Outros
O día do nacemento de Manuel María, o Día das Bibliotecas, o Festival de Samaín, o Día contra a violencia de xénero, Día contra os agrotóxicos, Día mundial dos dereitos humanos, etc. serán días de especial celebración neste outono coristanqués.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).