3ª Autonómica: Dúas grandes batallas abertas
Xornada importante esta 28 que mantén abertas dúas batallas na parte alta, unha polo título e outro pola fase de ascenso. E con varias sorpresas importantes, como a derrota do Camelle na súa volta ao Rodeiro, ante un Lira que parece que volve coller o ritmo de competición. O IDC non fallaba e mantén o liderato xa con 3 puntos sobre os dous equipos perseguidores, Camelle e Porteño que empata cos camelláns tras vencer, con sufrimento, ante o autobús do Cerqueda. Cómpre destacar que o Camelle ten un partido máis que os dous rivais polo título.
Na loita pola promoción houbo de todo. O Soneira B non fallaba ante o Xaviña e aproveitaba a derrota do Cerqueda para superalo e colocarse 4º. O Ameixenda queda na 6ª praza tras vencer no partido máis disputado da xornada ao Muxía, que baixa ata a 9ª praza. Así, entre o 4º e o 10º hai só 9 puntos, polo que todos teñen opcións.
Cómpre falar dos dous derbis da xornada, un cabanés e outro coristanqués, que se saldaron con sendos e aburridos empates.
Porteño - Cerqueda (1-0)
- PORTEÑO: Pablo, Óscar, Sestayo, Maikol, Pejo, Ismael, David Toja, Iago, Nené (Parga, min.86), Gabi (Búa, min.55), Yuyo.
- CERQUEDA: Rubén, Bastón, Pablo, Javi Pazos, Juanjo, Manu, Lorenzo, You, Iván Ponte (Maikel, min.56), Moisés, Iván Cances (Héctor, min.53).
- Gol: 1-0, min.85: David Toja tras un córner.
Moi metido atrás o Cerqueda en todo o partido, defendendo moi serio, intentado non recibir e buscando algunha contra, pero apenas só tivo unha en todo o partido, por medio de Moisés que intentou a vaselina que parou Pablo.
O Porteño intentouno de tódalas maneiras, pero non foi quen de marcar ata que faltaban 5 minutos e cando o partido xa marchaba para o empate sen goles. O gol chegaba tras 3 córners consecutivos nos que os malpicáns non conseguiron sacar o balón da área, e finalmente David Toja, á terceira, asinou o gol da vitoria que os mete máis arriba.
Pero foron varias as ocasións dos de Gerpe para ter aberto o marcador moito antes. Nené marrou na primeira un man a man e Yuyo pediu penalti por mans. Xa na segunda o propio Yuyo fallou ante Rubén, e David Toja tivo dúas claras, cun pao, antes de marcar.
Ameixenda - Muxía (3-2)
- AMEIXENDA: Óscar, Álvaro, Grille (Borja, min.70), Alex, Bruno, Mateo, Jorge, Alberto, Rioliño, Jesús (Demetrio, min.85), Ramiro.
- MUXÍA: Angel Luís, Currás (Pardelo, min.55), Luís Romaní, Martín, Angel, Peski (Iván Lagoa, min.35), Javi (Ruso, min.70), Santi Papi, Pataca, Adrián Negro, Juan.
- Goles: 0-1, min.30: Javi; 1-1, min.60: Jesús; 1-2, min.70: Pataca; 2-2, min.85: Alberto; 3-2, min.90: Alex.
- Lesións: os muxiáns Peski e Currás.
Por dúas veces se puxo o Muxía por diante e por dúas veces anulou a renda o Ameixenda, que aínda tivo arrestos para marcar o gol da vitoria co tempo cumplido. Partidazo en Cee entre dous equipos que buscan a promoción, e que queda nas mans do Ameixenda por agora.
Os de Papi acusaron as lesións de dous dos seus mellores xogadores, Peski e Currás, e acabaron moi cansos permitindo que os últimos minutos fosen de asedio local.
Soneira B - Xaviña (2-0)
- SONEIRA B: Martín, Chans (Pichón, min.80), Chuchi, Alberto, Curra, Richi (Félix, min.85), Quilmes, Roi, Canosa, Wii (Fer, min.75), Chino (Basti, min.70).
- XAVIÑA: Pión, Rodrigo, Carlos, Beto, Pekenao, Pirucho, Martelo, Gatusso (Juan Antonio, min.65), Marcos Ghallegho, Elvis (Moro, min.60), Dani.
- Goles: 1-0, min.50: Richi a pase de Wii; 2-1, min.85: Cristian Canosa dende 40 metros por riba por porteiro.
Comezaba o partido cun minuto de silencio polo falecemento dun siareiro xaviñán. E era o conxunto vistante o primeiro en avisar, pero Gatusso mandou alto. O Soneira, sen facer demasiado, foi collendo o ritmo do partido e Wii avisaba cunha doble ocasión que salvan o porteiro e un defensa baixo paos. Á media hora unha saraibada obrigaba a parar o partido.
Remataba así a primeira metade, pero na segunda Wii recolle un balón longo que os locais pedían fóra de xogo, recorta e cede para que Richi asine o primeiro. O segundo tempo foi máis soso que o primeiro e se o Xaviña o intentaba a balon parado o Soneira B tampouco chegaba. A sentenza tardaría en chegar e era Cristian Canosa o que sorprendía ao meta xaviñán dende 40 metros con axuda do vento.
Camelle - Lira (0-2)
- CAMELLE: Porrúa, Baliña, Iván, Matías, Javi Rañal, Varu, Mario, Jose (Tedín, min.50), Sergio (Buri, min.85), Miguel Riveiro, Adrián Tajes.
- LIRA: Andrés, Javi de Milucha, Herminio, Fran de Muros, Santi, Suso Perico, Iago, Miguel, Michelón, Oliver, Fran Perico. Tamén xogaron: Cristian, Pelexo e Xabi.
- Goles: 0-1, min.25: Suso Perico; 0-2, min.60: Óliver.
Partido estrano no Rodeiro, no que o Lira, mellorado coas altas das últimas semanas (onte debutaba Javi de Milucha), estivo moi ben armado. Volvía o Camelle ao Rodeiro máis de 3 meses despois, e aínda aguantou o campo a pesar do tempo, malia que seguía estando algo enlamado.
O Camelle non soubo ler o partido, e o Lira tivo a sorte de cara ademais de facer un partido moi serio e contar co mellor xogador sobre o céspede, que non foi outro que o porteiro Andrés. O ex do Cee e do Corcubión estivo impecable, salvando mesmo un penalti nos últimos instantes, e ata o rexeite a Matías.
Na primeira metade, xogaba o Camelle a favor de vento, e confiouse e apenas chegou a crear perigo cun balón de Sergio frouxo. O Lira,moi loitador, bregaba e Oli e Fran Perico probaron a Porrúa. Era Suso Perivo o que adiantaba aos visitantes.
Na segunda, o Camelle foise arriba pero podía ter estado un par de días xogando que non marcaría. Sergio regateou a todos mesmo ao porteiro e tirouna fóra. Miguel Riveiro lanzou unha falta onde doe, pero nin o bote despistou a Andrés.
Castrelo - Indep. Carballo (0-4)
- CASTRELO: Iván, Mario, Luís, Estebo, Manolo, Litos, David, Conezo, Vicente, Germán.
- IDC: Noe, Belar (Brais, min.65), Castro, Dani Rosalía, Jonathan, Cholo, Ivi (Adrián, min.70), Mario, Benítez (Efrén, min.50) e Juni.
- Goles: 0-1, min.55: Mario por riba do porteiro; 0-2, min.60: Cholo aproveita un rexeite a tiro de Mario; 0-3, min.70: Juni; 0-4, min.80: Juni.
Aguantou o pechacancelas ao líder a primeira metade. Unha primeira metade marcada polo temporal, e co aire a favor do Castrelo. O IDC apenas podía sacar o balón e só Juni chegaba á area rival.
O partido marchaba ao descanso con empate sen goles, pero era Mario o que abría a lata xa co vento a favor dos carballeses. Foron un tanque neses minutos e o Castrelo non puido xa ofrecer resistencia.
Nantón - Corcoesto (1-1)
- NANTÓN: Bonano, David, Eloy, Félix, Diego, Carlos Vidal, Fabio, Carlos Santos, Luís, Martín, Iván. Tamén xogaron: Cachi, Ernesto, Dani.
- CORCOESTO: Anxo, Angel, Edelmiro, Longo, Sergio, Luís, Pablo, Xabi (Couto, min.80), Javi (Aitor, min.30) (Vituco, min.75), Rodri (Pablo, min.55), Martín (Josiño, min.75).
- Goles: 1-0, min.14: Rodri dende o medio campo; 1-1, min..80: Felix.
- Lesións: os visitantes Javi, Aitor e Rodri.
Derbi tremendamente aburrido nas Fontiñas no que apenas se crearon ocasións de gol sendo un choque trabado, con moitas interrupcións. O Corcoesto foi quen de marcar sen achegarse a portería de Bonano, xa que o fixo nunha falta sen aparente perigo dende o centro do campo cunha falta de Rodri. Bonano medía mal na súa saída e cómese o balón. Martín puido sentenciar pero esvarou case a porta baleira.
Na segunda metade intentou o Nantón máis co corazón que coa cabeza pero sen crear ocasións claras. Faltabana 10 minutos Felix aproveita un erro en cadena do Corcoesto para poñer o 1-1 no marcador. Xa co tempo cumprido David estivo a piques de darlle a vitoria ó Nantón cunha chilena que saíu lambendo o longueiro.
Coristanco - Alcaián (0-0)
- CORISTANCO: Fredi, Rubén, Hector, Navarro, Torreira, Damián, Iván, Martínez (Alexis, min.30), Adrián (Juan, min.70), Gonzalo (Magovi, min.60), Jonathan.
- ALCAIÁN: Martín, Rubén, Marcos, Pombo, Martínez, Pichel (Dani, min.80), Facal, Daviciño, David, Corral (Framil, min.55), Marqués.
- Lesión: Martínez cun pinchazo.
Derbi coristanqués na Rocheira moi disputado e con apenas un par de ocasións por bando. Demasiado balón aéreo ao que Coristanco non se adaptou ben e sufriu para crear e algo en defensa. Un man a man con Fredi foi a mellor ocasión para os visitantes e un tiro cruzado de Torreira que sacou Martín a córner foi a mellor para os locais.
Máis información
Crónicas da semana
- 2ª Autonómica: Táboas arriba e abaixo.
- 1ª Autonómica: Camariñas e Ponteceso saen do pozo.
- Preferente: Curta bagaxe para Dumbría e XSC.
- Resultados e análise da xornada no fútbol da Costa.
Artigos relacionados
Fonte
- Redacción de Deportes de QPC (deportes@quepasanacosta.gal).
- Colabora a Web do Soneira.