Repasamos a actualidade deportiva da fin de semana, e comezamos polo fútbol.
Volve o Soneira a competición tras descansar unha semana e visitará o campo do Castro. Na 1ª, o Cee intentará manter o liderato ante o 4º clasificado, encontro para o que os de Pato contan con 3 baixas por sanción, pero recuperan dous xogadores. O Xallas terao complicado na Coruña mentres que o Dumbría visitará a cancha dun mata-costeiros, como é o Perlío. Pola súa banda o Zas intentará facerlle un favor aos costeiros da zona alta rascando algo ante o 3º clasificado, o Imperátor.
Na Liga da Costa varios encontros interesantes, como o Carnota - Ponteceso, o Club do Mar - San Lorenzo, ou o Sofán - Fisterra. Pero máis importante será o Vimianzo - Porteño, vital para ambos conxuntos.
E na 3ª o encontro da semana é o Corcubión - Cerqueda, que se adianta ao sábado.
Pero o realmente centra a atención esta fin de semana é a Liga Xuvenil Norte. Corme e Dumbría B xóganse este sábado no Cairo boa parte das aspiracións para acadar o título de liga a falta de 5 xornadas.
LCF
Esta fin de semana ademais despútase a última xornada das LCF´s de fútbol sala. Xa rematou de feito a liga Infantil, que esta pasada fin de semana celebraba a súa final entre Carnota e As Baleas. Viviu Lombáns unha tarde de cine con máis de 300 persoas de Camariñas e Carnota ateigando as gradas. Tiveron lugar dúas finais, a dos infantís, que venceron con claridade os camariñáns das Baleas; e a final adiantada da categoria Alevín. Houbo ata polémica e finalmente As Baleas venceron por 1-2 e xa son practicamente campións.
Pola súa banda, parece que en Benxamíns os vencedores serán os cativos de Alfredo Cambeiro, na Escolas do Concello de Carnota.