Máis de 130 escolares difrutaron un ano máis do Mar nas horas lectivas

Finalizou un ano máis este proxecto pioneiro en Galicia, que leva o mar ao programa de estudos. A pesar dos recortes, este ano máis de 130 alumnos dos colexios de Cee, Dumbría, Corcubión e Fisterra puideron achegarse un día á semana ata o porto corcubionés para disfrutar deste medio tan noso a través da vela.

Así, a pasada semana remataba o programa "O mar na Escola 2013", desenvolto pola Escola de Vela Cataventos, apoiada polo Clube Carrumeiro e pola empresa Ferroatlántica. No transcurso do programa, os nenos aprenderon tanto o que é a navegación a vela e en kayak de mar, como o coidado e conservación do mar. Neste sentido, Noemi Bermúdez de Castro, coordinadora da actividade, asegura que "desde agora o seu sentimento cara ao mar, o vento, as olas, a corrente ou as mareas, vai ser moi distinto porque acumularon un sinfín de experiencias persoais, que eles mesmos viviron, sufrido e gozado, relacionadas co mar, a súa contorna e todos os seres vivos que o forman".

Así, os participantes coñeceron como se desenvolve o traballo nun porto pesquero e aprenderon a observar as aves mariñas, concretamente os cormoráns, polo sorprendente que é velos bucear, ou as pelexas de gaviotas detrás dun pesquero. Ademais, observaron na práctica que o traballo en equipo por un fin común é sempre máis efectivo.

Cataventos agradece a labor de todas as entidades implicadas, dende os concellos, ata a empresa patrocinadora, como os docentes e directores dos centros educativos, que permitiron que un ano máis, e esperemos que non sexa o último, os alumnos poidan gozar deste "Programa O Mar Na Escola".

Ao longo deste 2013, os Concellos e Centros escolares, Colexios que apostaron porque os seus mozos se formasen a través das experiencias adquiridas no medio natural son os seguintes:

  • Concello de Cee:
    - Colexio Manuela Rial (21 escolares de 6º de Primaria).
    - CEIP Eugenio López (44 escolares de 3º de Primaria).
  • Concello de Dumbría:
    - CEIP Santa Eulalia (27 escolares de 5º e 6º de Primaria).
  • Concello de Corcubión:
    - CEIP Praia de Quenxe (14 escolares de 3º e 4º de Primaria).
  • Concello de Fisterra:
    - CEIP Mar de Fóra (18 escolares do CEIP Mar de Fóra).

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).