Martes. 30.04.2024
El tiempo

Os alumnos de Cee e Dumbría descobren o Mar a vela

Os alumnos de Cee e Dumbría descobren o Mar a vela
Os peques de Cee e Dumbría xa coñecen o mar a vela dende a escola

Difícil de crer que nunha bisbarra coma esta, tan vencellada ao azul escuro do océano, haia cativos que non coñezan o mar. Pois a realidade é que ás veces fica moito máis alleo do que debería, sobre todo, na mocidade. E precisamente para iso, para achegar o noso mar aos máis pequenos, nace o proxecto "O Mar na Escola". Dende o peirao de Corcubión, dende a Escola Cataventos, ata os colexios da bisbarra. Ou máis ben do revés, do colexio, ao mar. E todo, a través dun deporte tan fermoso como a vela.

E por cuarto ano, O Mar na Escola volve permitir que os alumnos surquen os mares da Ría de Corcubión en horas lectivas. Os primeiros foron os alumnos do CEIP Santa Eulalia de Dumbría (5º e 6º) e do CEIP Eugenio López de Cee (3º), que realizaron as súas primeiras sesións teóricas e as súas primeiras saídas ao mar estes días.

Sesión no mar, e sesión na aula

O luns 18 de marzo foron 24 alumnos de 5º e 6º do colexio de Dumbría os primeiros en realizar a súa primeira sesión no mar. Utilizaron un barco escola con monitor e dúas embarcacións triplas onde os monitores facían repaso dos contidos teóricos anteriormente impartidos.
Pola súa banda, o centro de Cee realizou a súa primeira saída ao mar o martes 19 de marzo. Un total de vinte e dous nenos de 3º navegaron en dous barcos escola con monitor e nuns kayaks de mar para adquirir equilibrio, sentir o vento, o efecto das correntes e as olas.

En días anteriores, ambos grupos recibiron nos seus respectivos centros escolares, senllas sesións teórico/prácticas en soporte digital, con maquetas e con mostras de seres mariños (corales, conchas, peces, algas...) co obxectivo de transmitirlles a importancia do coidado do mar.
Ademais, introducíuselles na Teoría da Navegación a Vela e recibiron algunhas nocións de nomenclatura náutica.

Próximos centros

O Colexio Manuela Rial Mouzo de Cee xa realizou a sesión teórico/práctica no propio centro o martes 20 de marzo e sairá ao mar o mércores 10 de abril.
Para rematar, o CEIP Mar de Fóra de Finisterre realzará a súa sesión teórico práctica no centro escolar o mércores 3 de abril e sairá ao mar o mércores 10 do mesmo mes.

Todo, gracias ao apoio e patrocinio de Ferroatlántica que non deixa de apoiar un dos proxectos educativos máis innovadores da Costa da Morte.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios