Xornada atípica esta de mércores 12 de outubro. A festividade do Pilar aproveitouse para xogar unha xornada completa en 3ª Autonómica, xuvenís, cadetes e infantís.
Só o Ponteceso adiantaba o encontro ante o Sada da vindeira xornada na 1ª Autonómica, pero non traía nada de volta o cadro de Berto.
Importante xornada na 3ª da Costa, con varios enfrontamentos directos. Primeira derrota da UD Cerqueda, que caía pola mínima ante o líder, o Outes, que segue amosando un gran estado de forma. Pero non se despista o Montelouro, que cun partido menos se mantén a 1 punto tras vencer ao filial soneirán. Os loureáns contan os 7 encontros xogados por vitorias. Cabana e Coristanco seguen 3º e 4º, tras vencer con comodidade a Laxe e Camelle. E noutro dos encontros importantes, o Porteño e o Alcaián empataban e manteñen intactas as súas posibilidades de manterse no grupo cabeceiro e aspirar a quedar polo menos entre os 6 primeiros.
Por abaixo, o enfrontamento directo entre dous dos pechacancelas, rematou coa vitoria local do Lira ante o Muxía, que deixa aos muxiáns afundidos cun Pereiriña que non levanta cabeza.
En xuvenís, na Liga Norte, Gr.4, gran sorpresa en Dumbría, onde o cadro dumbriés caía ante o Baio. Os de Nacho maniataron no medio campo aos locais, e ademais contaron cunha boa dose de sorte. Xa contra final, tras unha xogada con varias paredes, asinaban o gol da vitoria, que ben puido ser nivelado cun par de balóns que os locais mandaron á madeira nos últimos intres do choque.
Entrementres, o Malpica segue coma unha moto, e se apoveitou da inocencia do Muxía para endosarlle 10. Ademais, o Coristanco-Cabana foi moi vibrante, cunha primeira metade para os locais, e unha segunda para o Cabana, e puido gañar calquera; mentres que o Zas levou demasiado premio de Camariñas.
Recibimos ademais, da man de Luís E. Porto, dende Malpica, un apuntamento sobre a importancia de que os delegados revisen as actas antes de deixar marchar ao colexiado. Non é a primeira vez que o resultado que está na acta non foi o verdadeiro, pero a efectos legais, e a efectos de posibles recontos a final de liga, son os que valen.
Dous exemplos teñen ocorrido estas últimas semanas: A pesar de que o resultado do Camariñas-Laxe de xuvenís da xornada 5 foi 6-0, na táboa clasificatoria xa tivemos que poñer 6-1 tal como recolle a acta. Igual ocorre co Cabana-Malpica xuvenil da fin de semana pasada, pese o que o resultado foi 2-5, a acta pon o 2-6 que, nós temos que recoller nas táboas de Resultados e Clasificacións.
E sen máis, imos xa cos resultados deste 12 de outubro de 2011.