Un árbitro de Terceira para un partido de Primeira

Bruno Méndez no Campionato de Seleccións sub12 de Outes

Este domingo o fútbol costeiro fai parada e fonda en Pino do Val. O campo de Peña do Ouro acollerá (16.00 horas) un encontro que, para o ano que vén, ben podería ser encontro de Primeira, xa que Mazaricos e Ponteceso apuntan alto e candidátanse ao ascenso. O Mazaricos, líder boa parte do campionato, chega despois de ceder o trono de forma amarga nun complicado partido no Cairo a semana pasada, partido que ademais lle provocou dúas importantes baixas por sanción. O Ponteceso, líder tamén nalgunha xornada da competición, chega outra vez en boa xeira de resultados, e acumula cinco partidos sen perder, con catro vitorias nesas cinco xornadas.

O encontro de altura terá tamén árbitro á altura, pois será Bruno Méndez, árbitro de Terceira División, o de maior categoría da Subdelegación da Costa, quen dirixa este trascendental encontro. Estará auxiliado nas bandas por Iván Ferreiro e Esteban Domínguez.

Mirando de reollo a Pino do Val estará o Corme, líder esta semana (aínda que o Mazaricos ten un encontro atrasado, que o podería situar virtualmente primeiro, en caso de gañar), que á mesma hora visita Pedra Queimada para enfrontarse a un irregular Malpica (16.00 horas, Juan Marcos Ríos), quen na pasada xornada sumou un punto despois de catro derrotas consecutivas, e comeza a mirar con preocupación cara a zona baixa da táboa.

Na zona máis complicada da clasificación, dous dos tres equipos implicados na zona de descenso enfróntanse entre si en partido adiantado ao sábado: 16.30 horas, Agra da Filgueira, Monte Louro – Lira.

Na Terceira da Costa, o líder destacado, Coristanco, visita a un Corcubión que aínda non sabe o que é gañar esta temporada (Novo Cubaleiro, domingo, 15.45 horas, Iván Vilanova), en tanto na pelexa polo segundo posto de ascenso directo o Cabana (actualmente nesa praza) ten xornada de descanso e podería ser desbancado polo Castriz, que viaxa a Outes (Municipal de Cunchido, domingo, 17.00 horas) e/ou polo Porteño, que recibe ao Nantón (A Grixa, sábado, 16.30 horas, Daniel Martínez).

Xornada de moitos quilómetros e fermosos campos para os árbitros costeiros

Unha boa parte de colexiados da Subdelegación da Costa participarán tamén nesta fin de semana en encontros do máximo nivel competicional.

Bruno Méndez dirixirá o sábado (Grela 1, 18.00 horas) o Victoria-Pabellón da Liga Nacional Xuvenil, en tanto Marcos Ordóñez e Pablo Rama actuarán o domingo como asistentes en partidos de Terceira División (Marcos Ordóñez estará en San Lázaro no Compostela-Ribadumia, e Pablo Rama no Morrazo para o Alondras-Polvorín).

Pola súa parte, Rubén Reborido liderará un novo trío costeiro na Preferente Galicia. O domingo, a partir das 16.30 horas, dirixirá en Bueu o Beluso-Alertanavia, auxiliado por Alberto Baña e Manuel Espasandín.

Moito fútbol que ver e escoller

E, como cada fin de semana, a Costa da Morte acolle máis de medio cento de partidos para que cadaquén escolla e disfrute.

No Cairo, o sábado pola tarde (16.00 horas, Óscar Santos) vivirase o duelo estelar da competición xuvenil entre o líder (Corme) e o quinto clasificado (Os Miúdos). Case á mesma hora, un igualado Soneira-Fisterra (Municipal de Vimianzo, 16.15 horas, David Cancela).

O sábado pola mañá (Pedra Queimada, 11.00 horas, José Ageitos) disputarase o partido a priori máis igualado da categoría cadete, entre Seaia e Cee, dous equipos que pugnan por chegar arriba (actualmente, quinto o Seaia e cuarto o Cee).

-----

Como cada semana, todos os partidos e todas as designacións arbitrais en www.futgal.es.

E tendes todos os horarios actualizados en www.futboldacosta.com