O vindeiro 20 de xullo celébrase a VII Travesía a ando de Valarés

O vindeiro 20 de xullo celebrarase a VII Travesía a nado na praia de Valarés; un evento non competitivo organizado pola agrupación deportiva Abellariza de Ponteceso. "Será unha xornada deportiva e festiva para todas as persoas afeccionadas á natación en augas abertas", indican dende Abellariza.
A proba conta coma sempre, con dúas distancias: percorrido curto (1600m) dende a praia Area das Vacas ata Valarés e o percorrido longo (3200m) circular de Valarés a Area das Vacas e regreso a praia de Valarés. O proceso de inscrición está aberto na páxina web de Galitiming e pecharanse cando se esgoten as prazas ou con data límite o mércores 16.07.2024. O importe da inscrición é de 25€ no que se inclúe: participación, bolsa da proba, gorro, avituallamento na meta, clasificación e tempo de chegada con chip e seguro de accidentes.
A singularidade desta travesía a nado é o apoio masivo do voluntariado, que dende primeira hora da mañá enchen a praia para que todo saia segundo o previsto, e elaboran con moito cariño a exquisita paella que ao final da xornada degustan nadadoras e nadadores.
"A travesía a nado de Valarés é máis que un evento deportivo, é unha fermosa escusa para gozar dunha xornada festiva nun dos paraísos da Costa da Morte. Polo que dende Abellariza anímamos non só aquelas persoas que practiquen a natación en augas abertas, senón a todas aquelas que queiran achegarse a pasar un domingo diferente", sinalan dende a AD Abellariza.
Este é un evento organizado coa colaboración da Deputación da Coruña, do Concello de Ponteceso e do Concello de Cabana de Bergantiños e que se leva a cabo co apoio da empresas da bisbarra e das persoas voluntarias que colaboran coa organización.