O BNG pídelle á Xunta que obrigue a Xeal a recuperar os postos de traballo destruídos en Cee e Dumbría

O BNG volveu levar a situación de XEAL ao Parlamento Galego. O deputado do BNG Óscar Insua na Comisión de Industria do Parlamento galego, na que formulou unha pregunta na que esixiu ao secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez Iglesias, que a Xunta, a través de Augas de Galiza, debe obrigar á empresa Xeal a aumentar a produción de materiais ferroaliados activando todos os fornos dispoñibles nas fábricas de Cee e Dumbría para, deste xeito, recuperar todos os postos de traballo destruídos dende 2019, cando o cadro de persoal se aproximaba aos 300 empregos.

O deputado da comarca defendeu na súa intervención que se faga cumprir “nos seus estritos termos” a sentenza xudicial do TSXG, dando cumprimento así ás cláusulas de vinculación das actividades de ferroaliaxes e da produción hidroeléctrica.

“Temos a sensación de que Xeral converteuse nun complexo industrial especulativo", en relación a que "a día de hoxe o interese de Xeal é centrar a súa actividade económica na produción eléctrica, por ser a máis rendible, o que podería provocar que a actividade económica vinculada de ferroaleacións, que é a que xera máis postos de traballo, acabe desaparecendo, pois a falta de produción provoca tamén a falla de competitividade no mercado, o que finalizará na inviabilidade empresarial”, segundo se apunta na propia exposición de motivos da pregunta formulada á Xunta.

 

O Secretario sinalou que están vixilantes, e que "exercen o control pero dentro da legalidade", esixindo o Plan de Viabilidade, pero deixando claro que non vai actualizar o convenio de concesión.
Na quenda de réplica, Insua considerou “vergonzoso” que o responsable de Industria reducise a 54 os postos de traballo destruídos cando realmente son 93. 

Tamén advertiu Insua que o anuncio da empresa sobre a nova planta de produción de carbón vexetal en Dumbría, na que investirá 21,6 millóns de euros -nove deles procedentes de fondos europeos do Perte de descarbonización-, non é suficiente para albiscar un futuro viable para a actividade industrial, pois a retirada dun guindastre no peirao de Brens e a diminución de descargas de materia prima nel son razóns suficientes para pensar que a empresa pretende desmantelar a produción de ferroalixes e quedarse exclusivamente coas empresas xeradoras de enerxía.

Máis novas