O Modesto Patrimonio: O Topónimo da parroquia “Buxantes”

O 25 de Abril deste ano 2025, o amigo Daniel Araujo, de Cee, publicou nas redes sociais un artigo sobre os frecuentes roubos dos tesouros relixiosos que os piratas exercían nas igrexas do contorno do litoral, tendo como refuxio das embarcacións e barcos da Armada a Ría de Corcubión. Os parroquiáns tiñan como balcón ou miradoiro do contorno da Costa o Monte da Armada, que se cre que puidese ser a orixe deste topónimo. Que eu saiba, nunca se atopou neste monte restos ou vestixios de obras ou edificios usados para estas labores de vixiancia, pero tampouco se pode descartar esta función.

Segundo as miñas sospeitas, o topónimo Monte da Armada pode proceder de moitos anos atrás, anteriormente aos aforamentos, en que a abundante gandería (cabalar, caprina,  bovina), pastaba libremente polos montes, expostos ao ataque de animais salvaxes como o lobo ou raposo. Non había armas como na actualidade e a sua caza facíase con trampas sobre o terreo como foxos ou cercados, é dicir, con “armadas”, que co tempo desapareceron. Como recordo das armadas quédanos unha no Monte da Pena de San Crimenzo coñecida como Prado do Lobo; o lobo era atraído por unha ovella enferma, entraba por un desnivel e non podía sair. Coa rendición dos foros, os propietarios coidaban as súas leiras o que fixo desaparecer o pastoreo libre.  

Algo semellante a este topónimo ocorre co nome da parroquia de Buxantes. A súa orixe, segundo os estudosos, procede de “Vixiar – Vixiantes – Bixantes – Buxantes. É un territorio alto, destacando O Alto da Ameixueira, a 482 m. sobre o nivel do mar, onde se contempla todo o contorno da costa de Fisterra e a entrada á ría de Corcubión. Outro punto destacado desta parroquia está no Monte de Cabernalde coñecido como Pedra da Mira ou tamén Pedra Vixía que puido ser a orixe do topónimo Buxantes”. Este territorio parroquial, coñecido como Coto e Realengo de Vixiantes foi doado en 1152 polo Emperador Alfonso VII aos frades de Moraime como premio polo seu coidado infantil. 

 

Patrimonio Pindexo

 

OUTROS ARTIGOS NO "MODESTO PATRIMONIO”