mércores. 30.04.2025
El tiempo

O Modesto Patrimonio: O Cruceiro de Rebordelo (Salgueiros de Dumbría)

Pe do Cruceiro de Rebordelo
Pé do Cruceiro de Rebordelo
O Modesto Patrimonio: O Cruceiro de Rebordelo (Salgueiros de Dumbría)

Rebordelo é un lugar, con tres veciños, que pertence á parroquia de Salgueiros (Dumbría). Está situado a uns 200 m. no borde oeste da estrada AC-552 de A Coruña-Cee, un pouco antes de chegar a aldea de Vilanova. Polo norte deste lugar pasaba o Camiño Real de Bustelo a Muxía que cruzaba o río Castro por uns pasais coñecidos como “Os Posados de Mintiráns”.

Cruceiro de Rebordelo

Fronte a este lugar e no borde norte deste camiño existía un cruceiro de pedra coñecido como “O Cruceiro de Rebordelo” que ó longo da súa historia debeu moverse por distintas paraxes do entorno. Todo o que imos contar sobre este cruceiro está sacado das conversas mantidas con persoas maiores, alguhas das cales xa non están con nós, que son os únicos documentos verbais para poder recompoñer a súa historia.

Dicían que este cruceiro estivo no lugar de Codesos e sobre mediados do s.XX un veciño do caserío da Cubela levouno para a súa horta. Este caserío, que xa non existe, estaba situado a uns 300 m. na marxe este e no borde da estrada AC-552, un pouco antes de chegar a Rebordelo. Esta casa facía de marco municipal que separaba o Concello de Cee co de Dumbría.

Un documento do 26 de Xuño de 1920 fala deste marco e dí: "Sexto Mojón: Se reconoció como tal la arista S.O. del cuerpo principal del edificio conocido como Casa da Cubela, propiedad de los herederos de Ramón Romero”.

Pois ben, contaban que este veciño tiña problemas co cruceiro na horta porque de noite aparecían cousas misteriosas como luces e ruídos estranos polo que determinou levalo ao borde do Camiño Real de Muxía. Outras versións contraditorias falan de que este cruceiro foi feito por Ramón Calo Liñeiro da casa de Calo de Rebordelo, no ano 1890. Esta casa tamén era coñecida como “Casa do Casillero”. Descoñezo se este Ramón tiña algún parentesco con Ramón da Cubela. O que si está claro é que este cruceiro desapareceu na época da República, xunto con outros da parroquia, culpando a uns xitanos que o romperon para roubarlle o aro de ferro que unía a cruz coa vara.

Algún veciño opinaba que sobre os restos tirados no chan, un trozo da vara tiña gravado 1770 e a cruz din que foi para unha casa do lugar de Vilanova.

Muro do Cruceiro de Rebordelo

Na actualidade, o Camiño Real xa non existe, e no entorno só se recoñecen unhas rochas onde nunha delas ten o furado cuadrangular onde se asentaba o pé do cruceiro. Tamén contaban os veciños desta parroquia que na paraxe do monte de Ciáns, próximo a este lugar, había outro cruceiro que foi derribado na época da República. Comentaban que os cachos deste cruceiro foron usados como pedras para cercar un muro paralelo ao camiño. Revisando este muro logrei encontrar algúns trozos que poden ser deste cruceiro.

Tamén recordar que o norte do lugar de Rebordelo, a uns 400 m. na marxe esquerda do camiño a Salgueiros houbo un caserío coñecido como “Campainzas”, que xa non existe.

 

Patrimonio Pindexo

 

OUTROS ARTIGOS NO "MODESTO PATRIMONIO”

Comentarios