12 de xullo: "Sardiñeiro, capital da diversidade e da dignidade"

Arredor de 100 persoas xuntáronse no parque de Sardiñeiro para declarar outro ano máis o 12 de Xullo Día da Diversidade da Costa da Morte. A Plataforma Reiseñores impulsaba o ano pasado este día como data sinalada na loita pola concienciación no trato á diversidade na comarca.

Membros da Plataforma Reiseñores

Jacinta Louzan (Chinta) o seu fillo Tarek e a súa irmá Nara dixeron unhas palabras e leron poemas á inclusión ena diversidade. 

De seguido, todos participaron na perfomance quedando inmóbiles e parados con caretas brancas para denunciar a parálise e o inmobilismo dunhas administracións que semellan estar ante unha realidade incómoda.

Tomou a palabra Alex López cos lectura do seu manifesto onde declarou "Sardiñeiro, capital da diversidade e da dignidade".

 

Os membros da Plataforma explicaron que se enviou unha carta á todos os concellos solicitando ás administración locais que sexan aliados e que acollan este día como oficial e propio impulsando as iniciativas necesarias para que esta realidade sexa menos incómoda.

Alex López sinalou a necesidade de que a sociedade se mobilice "para construírmos entre todas e todos unha sociedade máis xusta e máis diversa". "Temos o dereito de ser e estar nun mundo que tamén lles pertence. E os dereitos non se piden. Exíxense", sinalou

Ao remate fomouse unha cadea humana para simbolizar que xuntos e unidos collidos das mans podemos construir un mundo máis inclusivo e diverso.

MANIFESTO POLA DIVERSIDADE
ALEGATO POLA LIBERDADE

Boa tarde amigas, amigos, entidades, asociacións, colectivos, representantes do povo. Grazas moitas grazas por estar aquí e acudir a esta nova convocatoria.

O día 12 de Xullo de 2023 a Plataforma Reiseñores NEE/NEAE Costa da Morte declaramos nun acto de emoción colectiva, aquí mesmo, en Sardiñeiro, a poucos metros de onde estamos, na súa primeira cadea humana pola inclusión: Día da Diversidade da Costa da Morte. Hoxe deixádeme outra vez que, en nome das miñas compañeiras reiseñores, declarar Sardiñeiro, Capital da diversidade e da dignidade

Hoxe estar aquí faime, a min persoalmente, e penso que nos fai a todas, estar un pouco máis vivos, ser un pouco máis libres, e sentirnos un pouco máis humanos.

Reiseñores, seguindo co ronsel debuxado no salitre do ano pasado, quere que este día sexa xa o día de referencia da Costa da Morte para a concienciación e a reivindicación e visibilización dunha realidade que ten dereito a estar nun mundo que tamén lles pertence e a ter os recursos e os espazos necesarios para que a súa vida sexa máis autónoma, completa e diversa en todas as etapas vitais. Desde a infancia até o momento en que o seu nome sexa tan só memoria pronunciada no tempo.

Para iso vos convidamos a vir até aquí, a facer, esta humilde máis fermosa perfomance para dalgún xeito sinalar a parálise e o inmobilismo dunhas administracións que non parecen querer abordar de xeito significativo, as medidas necesarias e urxentes para avanzar cara un mundo, complexo, mais real, que sexa máis inclusivo e diverso. Máis ben semellan estar ante unha realidade incómoda. 

Estes dias enviamos unha carta a todos os concellos da Costa da Morte para que fagan como propio e oficial este día declarando o 12 de Xullo Día da Diversidade da Costa da Morte. Somos conscientes, que as administracións locais, as máis cercanas a nós, fan moitas veces, esforzos considerábeis e con poucos recursos, para tratar de abordar unha realidade que lles sobarda, pedimos desde aquí que sexan os nosos  aliados e promovan e acollan este día como propio e oficial facendo actividades e iniciativas de concienciación, visibilización e que se tomen as medidas necesarias para que esta realidade lles resulte cada vez menos incómoda e avanzamos cara un mundo mellor.

Mais tamén queremos dalgún xeito sinalar a necesidade de que nós, os colectivos, as entidades, as asociacións, as familias, a comunidade educativa, as mulleres, os homes, en definitiva a sociedade, tamén nos mobilicemos, que non nos quedemos parados, inmóbiles e paralisados ante esta realidade.  

Para iso estamos aquí, para demostrar e demostrarnos, que xuntas e unidas podemos acadar unha sociedade máis inclusiva e diversa. 

Por iso estamos aquí. Temos unha débeda histórica ante unha realidade silenciada no esquecemento e da indiferenza. E temos que sentir a necesidade de loitar por ela, temos o deber de defender aos colectivos máis vulnerábeis, porque facendo forte aos colectivos máis vulnerábeis seremos todas e todos moito máis fortes. Temos o deber de fortalecer a empatía.

A Empatía. Temos que exercitar a empatía, porque a empatía e o motor que move a ternura e a ternura é o sangue que corre polas veas abertas que chegan ao corazón. E o corazón é o amor que move á solidariedade, e a solidariedade é a ternura dos povos.

E exercitar a empatía, a ternura e a solidariedade son bases fundamentais para construírmos un mundo de mundos onde collamos todas e todos. Un mundo máis humano e por tanto máis libre. Dicía a actriz Susan Sarandon: que ninguén será libre até que todas sexamos libres. 

E se o ano pasado o manifesto transformárase nunha declaración de amor, este ano o manifesto foise transformando a medida que ía vendo como os caracteres ían esmagándose coa súa maxia de palabras na pantalla do ordenador, nun alegato á liberdade.

Así se me permitides certa licencia poética vouvos contar un pequeno conto, a verdadeira razón de que por que un día me embarquei nesta aventura tan dura e tan fermosa, non sempre a partes iguais.

Camiñaba coa miña indiferenza dobrada a metade baixo o brazo. Asubiaba os días de rutina das miñas trincheiras construídas polos camiños xa camiñados, tantas veces repetidos, cando meus pés pararon de súpeto sentindo o calafrío da pedra desde os séculos de historia. Un son case imperceptíbel, alá ao lonxe. 

Un son que soaba insistente, repetido e desesperado.

Collín o camiño e andei así polas idades do tempo. descubrinme un día, un día quizais coma hoxe, co corpo xa máis vello e máis canso. Atopeime de frente cun muro de pedra. No muro había unha fenda pequena, moi pequena, e ao outro lado había unha luz brillando como un berro en silencio. Como un S.O.S cintileando desde os océanos de tempo. 

Rabuñei cos dedos e coas unllas, enchéndoas de terra e herba, até que conseguín sacar unha pedra enteira, e de aí, disparado, un raio de luz azul atravesou a miña mirada de ollos fráxiles de auga. 

Continuei, seguín na tarefa comezada, e quitei outra pedra. Un raio de luz amarelo proxectouse no ar, e outra, e desta vez saiu un raio de luz violeta, coa súa voz de liberación, e outra luz, raio laranxa, entusiasta e independente, e outro máis, raio de luz. disparando o seu verde de esperanza e un raio vermello paixón e utopías e formaron no lenzode conexión índigo na bóveda celeste e o sol e a chuvia debullaron un arco da vella.

E o son aumentaba.

E entrei por fin ao outro lado.

E aí estaban. Os reiseñores, revoluteando co seu chío de vida e luz, co seu chío a cores: E sabedes cal era o seu chío? este era o seu chío: 

(Audio)

Eu son libre, ese é o chío que chiaban. E é iso é polo que temos que loitar. Temos que devolverlles esa liberdade, esa liberdade que lles foi negada durante séculos, condenados ao ostracismo e ao abandono, até que algunhas familias, algunhas asociacións, xa antes ca nós, dixeron basta, que queremos vivir, que queremos vivir as nosas vidas completas e coa mesma dignidade, coas mesmas oportunidades que todas, é o noso dereito. 

E os dereitos non se piden. Exíxense.

Temos que darlle voz aos que nunca lles deixaron ter voz. 

Somos a voz dos reiseñores que nunca puideron chiar.

O anos pasado fixemos historia colectiva coa cadea humana, unha cadea que nunca se podería facer se non estiverades todas aquí presentes. Unha cadea que non se podería facer se antes non houbera xa un traballo feito por outras entidades, asociacións e colectivos. 

Este ano repetimos porque xuntas e unidos podemos construír un mundo onde collamos todas e todos. 

Sen excepcións.

Agardo, agardamos, de todo corazón, que este sexa o principio dunha fermosa, aínda que o camiño sexa duro, aventura de construcción colectiva.

Hai tanto que facer. Queda tanto por construír.

Temos tantos soños pendurados na solapa das esperanzas.

Remataba o ano pasado cuns versos de Miguel Hernández. Deixádeme rematar este ano cuns versos de Antonio Gamoneda.

Aún retumba el ruiseñor en el jardín invisíble

Moitas Grazas.

MÁIS NOVAS