Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Sardiñeiro declara o 12 de xullo o Día da Diversidade da Costa da Morte

Cadea humana da inclusion en Sardineiro
Cadea humana da inclusión na praia de Sardiñeiro
Sardiñeiro declara o 12 de xullo o Día da Diversidade da Costa da Morte

Arredor de 300 persoas se xuntaron a mirar ao infinito esta pasada tarde de mércores 12 de xullo na Praia de Sardiñeiro ás 19:00h na cadea humana pola inclusión e a diversidade convocada pola Plataforma Reiseñores NEE/NEAE Costa da Morte. Unha cita que demostrou o compromiso das xentes costeiras do tecido asociativo, pois ademais de numerosas persoas particulares que se uniron á cadea, esta estaba formada por moita xente que vive de preto a realidade de Aspadex, Federación de Anpas, APEM, AFAFES, Buserana…

Tomaron a palabra Jacinta e Alex López onde visibelmente emocionados e agradecidos pola acollida declararon o 12 de Xullo Día da Diversidade da Costa da Morte.

Alex López dou lectura dun particular manifesto onde fixo un percorrido polas distintas Necesidades que as familias necesitan: “Non pedimos privilexios. Pedimos dereitos. Imos armar un exército de reiseñores un verdadeiro exército de paxaros libres. Imos facer unha revolución de cores. De todas as cores. Imos chiar, sen descanso e sen rendición, polo seu dereito a ser, a estar, a sentir, a amar…”

Alex Lopez lendo o manifesto da inclusion
Alex López lendo o manifesto da inclusión

MANIFESTO CHIANDO POLA DIVERSIDADE "MATAR A UN REISEÑOR"

Quen quere "matar a un reiseñor"? Ninguén claro, responderíamos todas e todos sen pensalo. Porén estamos "matando reiseñores" cada día co noso egoísmo adulto, coa nosa miopía egocéntrica e coa nosa ruindade.

Seguimos estrangulándoos cada día nas casas, nos colexios, esmagándolles a fantasía coa nosa realidade prefabricada de engrenaxes, ruído e diñeiro que nos cega, sen saber, que o máis importante na vida segue a ser o abrazo da infancia.

Hai reiseñores que tardan máis en cantar o canto desafinado dos adultos ou que o seu canto non é entendido pola xordeira de quen só ten ouvidos para ás paredes e aos corredores das leis e obxectivos marcados por xente que esqueceu, que o máis importante dun reiseñor para que voe é que non lles aten as ás, nin que lle rompan as patas, nin lle poñan diante dos ollos mancados máis sombras dos que a que a propia vida ofrece de por si.

Como podemos, quen somos nós para xulgar, para calificar a intelixencia se nin capaces somos de entender á súa?

Mirade. Zoe ven do grego e significa vida. Omar o que ten longa vida. Lucas do

latín: o que destaca polo seu brillo. Etel ten o nome fresco da nobreza do pan. Ézaro ten a cascada de amencer e auga nos ollos. Catuxa é a pureza dos corazóns bos e xenerosos.

André é o guerreiro que nos guía.

Estes son tan só os nomes dun puñadiño de reiseñores fillos e fillas dun pequeno colectivo de mulleres e de homes que apenas nos coñecíamos. Un colectivo que nos une e que nos move un verbo. Unha verdadeira necesidade especial. Esa necesidade especial que quizais precisemos todas e todos.

Sabedes cal é ese verbo. Sabedes cal é esa necesidade especial. Está camuflada, desordenada nun dos nomes que antes mencionei: OMAR
Só hai que mudar o A polo O e o O polo A e tendes o resultado: AMOR

E si, por se non o adiviñáchedes xa, quen quere "matar aos reiseñores" é o sistema. As autoridades. A indiferenza adulta e a ruindade dunha sociedade que esqueceu a súa infancia.

Señoras e señores do poder: Alcaldes e Alcaldesas. Presidentas e Presidentes das CCAA e das Nacións. Presidentas e Presidentes das Deputacións. Presidentes e Presidentas do Estado. Lideres e Lideresas do mundo. Deixádevos de palabras bonitas e articulade leis, deseñade planos estratéxicos con partidas orzamentarias reais para pór os recursos que sexan necesarios para que a realidade diversa e multicor deixe de ser unha mera propaganda electoral.

Non pedimos privilexios. Pedimos dereitos. Imos armar un exército de reiseñores un verdadeiro exército de paxaros libres. Imos facer unha revolución de cores. De todas as cores.

Imos chiar, sen descanso e sen rendición, polo seu dereito a ser, a estar, a sentir, a amar...

A amar, si, porque eses nenos e nenas serán algún día adultos e adultas que queiran amar. E nós as familias de hoxe queremos deixarlles un mundo onde poidan gozar da maior autonomía posíbel mañá.

Para que poidan amar a súa vida libres e ser protagonistas principais das súas vidas.

Porque o mundo de mundos constrúese contando con todas e contando con todos.

Sen excepcións.

En tempos de diversidade. En tempos de educación inclusiva en tempos de todos eses discursos que nos venden desde os altavoces das institucións para branquexar a súa indiferenza, queremos alzar a voz aos que non teñen, ou non poden, alzar a voz.

Porque ides ter que ouvirnos, claro que tedes que ouvirnos, porque detrás de cada necesidade especial hai familias reais que sofren... que sufrimos.

Di Atticus Find o avogado da novela de Harper Lee "Matar a un reiseñor" que pelexou coa lei na man, e en tempos moi adversos, contra o racismo:

"Un é valente cando, sabendo que perdeu xa antes de empezar, empeza a pesar de todo e segue até o final pase o que pase. Un vence raras veces, pero algunha vez vence."

Nós, e que importante é pronunciar Nós frente a EU, estou convencido, imos vencer a batalla contra as barreiras. Queremos eliminar todas as barreiras. Todas. As visíbeis e as invisíbeis.

Porque a forza do noso amor é imparábel e é invencíbel.

Porque sabedes, eles e elas non saíron da nada, estaban aí, sempre estiveron aí, berrando ante a nosa indiferenza baixo o brazo, chiando o seu canto diverso e multicor:

Estamos aquí! Queremos vivir! Queremos voar! Queremos chiar! Queremos ser libres! Queremos ser libres! Queremos ser libres!

Nós escoitámolos cada día. Escoitamos o seu ruído silencioso. Escoitamos a súa loita por sobrevivir. Escoitamos a súa loita por vivir.

Este é o noso manifesto. Esta é a nosa declaración de amor pola vida. Porque a vida é diversidade e a diversidade, como din as pulseiras da asociación Paseniño, é vida.

Esta é, e estou convencido que podo coller o risco de falar en nome de todos e todas as miñas compañeiras, a miña - a nosa, causa das causas, un ideal que, como dixo Nelson Mandela, polo cal vivo- vivimos e un ideal polo que estou - estamos, dispostos a dar a vida.

E remato xa lembrando os versos de Miguel Hernández:

"Cantando espero la muerte
porque hay ruiseñores que cantan
encima de los fusiles y en medio de las batallas"

Cadea humana da inclusion en Sardineiro 2

Comentarios